Tal vez non haxa que se esforzar moito para ver que en España disfrutamos dunha paz envexable a pouco que ollemos aos países do noso arredor, tanto se nos fixamos para o sur como tamén agora para o norte. É certo que hai corrupción, unha mala situación económica, un desigual reparto da riqueza, alta taxa de paro, falta de expectativas e, nesta altura, un futuro incerto, e sen embargo podía ser ben peor, dados os exemplos que reflicten os medios de comunicación: Por enriba unha Europa acosada polo extremismo, coa pantasma do fascismo asexando e por embaixo nacións en guerra aberta ou reximes sen ningún tipo de garantías democráticas nas que o individuo é pouco mais que un refén do goberno e só contempla a posibilidade de emigrar.

No noso ámbito aínda hai liberdades, de culto, de asociación, de prensa en maior ou menor medida e o cidadán pode protestar, manifestarse malia as leis que pretenden limitar este dereito, expresarse nas linguas oficiais, pode un deitarse con quen lle apeteza sen ser perseguido, rezar se lle presta e votar. Ir a concertos, de terrazas, pode o cidadán vivir libremente, absterse de facelo ou o que lle pete. E todo isto sen que pase nada. É un patrimonio que se tende a desprezar, cando ten un valor incalculable.