O alcalde de Monterrei, nunhas declaracións publicadas recentemente, manifestou que "o castelo de Monterrei é unha aposta persoal do presidente da Xunta", dando a entender que iso é unha garantía de investimentos públicos na fortaleza e de boa xestión da mesma.

Nun Estado democrático ningún ben público debería de contar coa atención particular de quen debe mirar polo ben común, pero ademais Monterrei é un exemplo de mal goberno, e o suposto interese do presidente ten perxudicado máis que beneficiado a este ben cultural de primeira magnitude.

Os bos gobernantes escoitan á sociedade e aos expertos antes de tomar decisións. A ocorrencia de construír un parador impúxose desde a Presidencia da Xunta sen contar co consenso social e en contra da opinión dos expertos. O Consello da Cultura Galega, as facultades de Historia de Santiago e Ourense, o Valedor do Pobo e a Academia de Belas Artes de Galicia pronunciáronse claramente en contra do proxecto. Como actuou Feijóo ante a opinión fundamentada destes organismos públicos? Tivo en conta as súas suxestións?

Non, continuou adiante co hotel, pagou a súa construción con fondos públicos dos galegos e cedeullo a Paradores. Hoxe os dous paradores están pechados por falta de clientes, o patrimonio cultural mutilado e desvalorizado e ninguén asume responsabilidades.

Pregámoslle ao señor Feijóo que deixe de apostar por Monterrei, que rectifique e deixe a xestión do patrimonio cultural en mans dos que coñecen a materia. Rectificar é de sabios.