Un non acaba de crer como é posíbel que na utilización da nosa lingua, tanto na fala como na escrita, teñamos chegado tan abaixo. A negación da lingua galega estase a facer tan natural e normal como que o sol sae polo leste e se afunde horas despois tralas Cíes no océano. E semella que a ninguén lle estraña.

Vexamos, entre o 18 e o 20 deste mes de outono houbo aquí en Vigo unha vistosa exposición de paneis didácticos sobre o traballo que levan a cabo en Galicia unha serie de institucións relixiosas de vida chamada "consagrada" que operan no noso país. Algún día despois tiven aínda ocasión de entrar na igrexa do barrio vigués de Teis onde se realizara tal evento e detívenme un chisco en contemplar e ler os paneis a punto xa de seren retirados. Posibelmente fose eu o único ou un dos poucos que se levou metaforicamente as mans á cabeza ante o que alí estaba a ver. Empecei efectivamente a ler, un por un, o que en cada un dos paneis se dicía, anunciaba e proclamaba en relación coa actividade de cada unha das institucións actuantes na nosa terra. Mais nin o tempo nin o humor dos que podía dispor me fixeron posíbel seguir lendo, aínda que si puiden polo menos anotar cantos eran os tales paneis. Salvo erro involuntario, alí estaban expostos para admiración e información dos visitantes e devotos fieis da parroquia nada máis e nada menos ca trinta e cinco paneis explicativos, todos eles escritos porén na lingua procedente de máis alá da Canda e do Padornelo. Fieis á nosa propia lingua só había un, o que facía referencia ós Irmáns da Salle. Sexa dito isto en loanza e agradecemento a esta benemérita institución.

Diversos historiadores e analistas expresaron xa máis dunha vez que a Igrexa (especialmente unha xerarquía maioritariamente foránea que durante séculos exerceu entre nós as súas funcións) tivo un papel moi importante no deterioro e subordinación da nosa lingua respecto do castelán. As loábeis disposicións do Concilio Pastoral de Galicia do século pasado a prol da introdución do galego nos usos litúrxicos e eclesiásticos continúan a ser papel mollado. E non é xa tampouco ningunha excepción contemplar a curas novos, recentemente saídos do forno do seminario, recitando habitualmente en finísimo castelán a súa misa domingueira ante os seus pacientes fregueses de aldea, galegos de toda a vida.

Os responsables da contaminación producida polos motores trucados dos Volkswagen alemáns terán que pagar algún día, digo eu; e os que contaminan lingua e cultura, non?