Como membro da comunidade educativa do CEIP DE LAREDO en Chapela, véxome na necesidade, ante a falla de outro tipo de repercusión mediática, de empregar esta vía para felicitar ao noso centro (director e o resto de profesores) pola grande labor que veñen desenvolvendo dende hai xa varios anos.

A última meta alcanzada polo CEIP Laredo, en Chapela, foi a notificación recibida o pasado venres como único centro galego de EP (de 32 presentados) gañador do Proxecto Nacional do Ministerio de Educación Rutas Científicas, Artísticas e Literarias 2015-2016". Grazas a un traballo moi ambicioso en contidos que buscaba deseñar unha ruta con interese histórico, cultural, artístico e tecnolóxico por Murcia e Andalucía Oriental, os alumnos de 5º e 6º do centro poderán visitar e coñecer durante a próxima semana lugares tan diversos e interesantes como o Parque Natural de Cabo de Gata, o Instituto de Astrofísica de Andalucía ou a propia Alhambra.

Para moitos destes nenos (24 en total) trátase dunha oportunidade única e quizás irrepetible de visitar lugares tan destacados. As familias dos alumnos, conscientes da importancia deste logro, fixeron un enorme esforzo económico custeando o desprazamento dende Chapela ata o lugar de destino (non incluído no galardón).

Os nenos, a súa vez, saben que levan por diante a responsabilidade de representar ao seu centro fora da Comunidade e, con esa ilusión, partirán de Chapela o próximo domingo ás 7 da maña.

Espero que logros como o do noso centro, con 150 alumnos aproximadamente e un dos presupostos máis baixos da área de Redondela, motive a outros centros e sensibilice ás institucións públicas para, entre todos, defender a tan maltreita e tantas veces esixida educación pública de calidade que, sen dúbida, é o mellor investimento para garantir unha sociedade máis xusta para os nosos fillos.