Os anos oitenta foron inesquecibles para nós sinxelamente porque eramos xoves. Daquela todos queríamos ser músicos e os que non tiñan grupo montaban un novo. Para revivir esa pequena historia de rock'n'roll porriñés téñense organizado diferentes homenaxes sempre auspiciados por vellos rockeiros. Alí acostúmase invocar a Jimmi Hendrix, Janis Joplin e incluso Rosendo Mercado ou o punk, pero desta volta -fin de ano 2014- ata soou "Beat It" de Michael Jackson.

Os puristas remexíanse dentro da roupa de abrigo e anque tamén me confeso sorprendido, o certo é que un ten un riff que racha e un punteo, -na gravación orixinal-, memorable. Ben, nós non somos de bailar pero o que máis o que menos movía a perna. Xuntouse alí xente que nunca houbéramos pensado a corear os himnos.

A un servidor tocoulle subir ao palco para axudar a levar adiante o "Roadhouse Blues" dos The Doors: "Keep your eyes on the road your hands upon the wheel...", etc, e acompañamos á maneira do Robbie Krieger. A noite era fría e os dedos case non respondían pero naquel concerto ía un ar de familia que a todos caldeaba por riba de estilos, heavi, blues, stonianos, todos baixo o paraugas universal do rock. Aínda estes días unha amiga lembraba o ben que o pasara nesa ocasión feliz. Sempre fumos tolos polos Doors e Jim Morrison, o cantante, era un xove con arelas intelectuais que abrumado pola fama marchou a París. El houbera querido ser poeta, se cadra levar unha vida tranquila pero os poetas que admiraba tamén viviran a tumba aberta, a proba é que ao pouco tempo mudouse ao cemiterio de Pere Lachaise.

Vovendo ao Porriño, un meu compañeiro amante da Telecaster (modelo de guitarra eléctrica) di que coñecela é o xeito de honrala mentres que outro engade que as americanas son marcas xenuinas que non afinan ben. Ambos teñen razón, pois son músicos do mellorciño. Ora, non todo é rock. Un pode aprender solfexo e non chegar a nada pero o placer de cantar nun coro é impagable. Na escola municipal de música gardan o tesouro da polifonía. Que infindo manancial de voces. Arrequecido. Inesgotable. Decote novo. O misterio do canto coral. Non mais onte soaba na radio Santana. Aqueles baixos. A piques estaba un de esquecer a guitarra.