Unha serie de circunstancias, nomeadamente a ubicación, encrucillada de camiños, non lonxe dun porto de mar, a solución de movementos identitarios en forma de toma de conciencia da lingua, primeiro rexionalismo, máis tarde galeguismo fixeron que agromara no Porriño a industria das mans da burguesía de volta na terra tras o éxito americano. Este capital vido da emigración foi rampla para as segundas xeracións formárense como futuros cadros artellados en Madrid arredor de asociacións galeguistas. Hoxe en día esa dereita que ambiciona a historia e fai dos escrúpulos un vestixio a desterrar, esqueceu tamén os signos que a trouxeron ata aquí. Transcende que nas xuntanzas de empresarios de Pontevedra algún torpe atribuíalle á lingua de Castela o poder de absorber o espírito dos mesetarios para conquerir coma eles o presente e a historia. Aviados che imos con esas supersticións. Certamente o señor ecoa unha propaganda despersoalizadora con orixes ben localizadas. Non esperemos que o maná veña só por crer en Deus.

En verdade nada ten que ver a empresa coa lingua nin o éxito coa fala, salvo que tras a colonización económica ven a lingua a conquerir o noso padal e o noso miolo.

Sorprende ver como os castelanizantes non optan rotundamente polo inglés e aparcan a Don Quixote e mais ao Lazarillo de Tormes. Seguramente é porque aí hai moito ADN que cómpre preservar e nesa recreación constante hai unha verdade e un sentido.

Por veces, senón sempre, concebimos España como conflito e este é o único esquema que nos permitimos. Tenta o sistema furtar ou canear as arelas das nacións que aínda conservan algo de si mesmas, pois esta asimilación é a deriva dos estados a xeito de pulo supremo. Que papel máis difícil para ambas partes, preso o estado español do mandado depredador e ilegal e os cataláns a temer e a dubidar.

Sinala algún a instancias superiores e iso é o que mais doe: non ser nós.