Iglesias Turrión traizoou os principios fundacionais de Podemos. Xa non é o que diga a xente, os círculos non falan. É un político ao uso e, por suposto, xa non ilusiona; nin Podemos é pulo para ninguén polo que se viu o domingo 27 de setembro.

Mais aínda queda xente en Podemos que non son políticos ao uso, coma Teresa Rodríguez, en Andalucía, que di o que pensa e é sincera e crible. O que non se pode dicir de "Coleta Morada".

Teresa vai con Varufakis e non co primeiro ministro grego, o que quere dicir que planta cara e mantena. Un Varufakis ao que había que propolo para o premio Nobel de Economía, aínda que non sexa máis que por dicir que a economía non é unha ciencia.

Na Galiza non temos dirixentes de Podemos da altura de Teresa. Se os houber tiñan que dicir aos catro ventos, que non é alternativa unha candidatura de Galiza en Común sen que participe a xente do BNG (a Galiza que non veñan de morado; morado é o pendón de Castilla), que poida formar un grupo parlamentar galego nas Cortes, sen subordinación a ningún outro. O grupo galego, xunto con outros propiciará a formación dun goberno de España en man común, quen o presida, pode que hoxe sexa descoñecido. É o mellor que lle pode pasar a España.