Don Telmo Bernárdez Santomé (Redondela, 1885 - A Caeira, Pontevedra, 1936), un ilustre redondelán que foi concelleiro e alcalde de Redondela, admirable profesional da medicina, redactor de periódicos locais "La opinión", "Gente nueva" e doutros; "médico dos pobres", líder agrarista, xuíz e fiscal municipal entre os anos 1910-1917, republicano e galeguista? Trala sublevación de xullo de 1936 foi detido e encarcerado en Vigo, San Simón e Pontevedra. Sometido a xuízo sumarísimo, foi condenado á pena de morte por traizón. Fusilárono en Pontevedra o día 12 de novembro de 1936, a súa morte foi rexistrada como "a causa de hemorraxia interna".

Este ano 2015 é o cuarto que o Concello de Redondela adica á memoria dun redondelán que en vida tivese destacado no mundo das artes, das ciencias, das letras ou en calquera outro ámbito cultural, filantrópico ou profesional.

O 28 de xaneiro rematou o prazo para a presentación de propostas por parte dos colectivos culturais inscritos no Rexistro do Concello e máis os centros educativos, (non chegaron a media ducia os participantes). Por que sería tan escasa a participación este ano? Catro candidatos eran os propostos: Telmo Bernárdez Santomé, Ernestina Otero Sestelo, Pedro Otero Rey e Manuel Barros Montero. Unha comisión de espertos-delegados(?) dos grupos políticos, presididos polo concelleiro de Cultura propuxéronlle un candidato ao pleno do Concello. A principios do mes de setembro puidemos ver na prensa que a persoa elixida foi don Telmo Bernárdez.

En xaneiro deste ano diciamos neste mesmo espazo que a manipulación á que fora sometida a candidatura para elixir ao redondelán do ano 2014 obrigaba a reformular o método de selección e pediamos que se nomease unha comisión de persoas cualificadas nos saberes polos que se concede esta distinción, por decoro e para ben e prestixio da consideración. Nin caso. Ata 23 entidades fixeron propostas o ano pasado (nunca se chega a unha ducia) a maior parte delas incumprindo as bases que regulan este nomeamento ("Poderán participar na elección os colectivos culturais inscritos no Rexistro do Concello e mais os centros educativos"). Moitas das que fixeron propostas non reunían as condicións que establece o regulamento desta distinción. A Asociación de Empresarios, Aldeas Infantiles de Galicia, Cáritas Parroquial Redondela e Vila Vella? Este ano ningunha das indicadas e moitas das que concursaron no 2014 non participaron, por que? Na acta de proposta ao Pleno do Concello por parte da comisión de expertos-delegados(?) dos partidos políticos non fixeron constar nada disto que dicimos.

Así as cousas, este ano 2015 o número de entidades que fixeron propostas é insignificante, por desinterese e creo que polas razón que apuntamos. Con todo, a tres meses de que remate o ano, polo menos podían dicirnos por que desde o 28 de xaneiro non se fixo aínda ningún acto, agás o acordo plenario: falta de tempo, exceso de traballo, créalle mala conciencia a memoria da persoa elixida? Creo que o mellor que se pode facer por dignidade e respecto a don Telmo é que os actos na súa memoria se pospoñan para o próximo 2016