Había tempo que lera carteis e noticias de que fixeran un novo trazado do Camiño de Santiago para evita-lo insufrible polígono industrial das Gándaras. Así que un día fun face-lo tramo dende a fermosa Ponte das Febres ata o albergue porriñés. En Orbenlle crúzase o Louro na Ponte do Baranco e por camiños logo se chega a Pontellas. Unha mágoa que dende o torreiro de festas de San Campio haxa que ir por piche pasando pola perigosa curva que todos coñecemos.

Atopo un punto moi polémico ó chegar de novo a outra ponte sobre o Louro xa en Atios á altura de Terrazos Riego. Hai un milleiro de sinalizacións borradas achafalladamente. Quedas espetada mirando aquel feo espectáculo e pensando que é o que fan os peregrinos en chegando a este punto. Están as frechas amarelas tapadas con pintura negra, sinais de madeira serrados, frechas de distinto tamaño feitas ás présas, etc.

Collendo a marxe esquerda Louro arriba chégase nun agradable paseo ó albergue municipal. Do outro xeito faise que o peregrino pise piche puro e duro que é o que menos lle cómpre a unha persoa amante do sendeirismo.

As malas linguas din que son os hostaleiros para que lles consuman nos negocios. Non lles sería máis doado poñer carteis preto da encrucillada que indique o que ofrecen a só uns metros? Cando unha persoa que está a face-lo camiño quere parar, xa vai buscar onde está a zona máis próxima.

Non é preciso dar tantas "facilidades" tipo máquinas expendedoras e demais que afean os lugares polos que se pasa.

O Camiño estase saturando con cousas que non son propias del.

Houbo un tempo en que se proxectou desvia-lo camiño só uns metros á esquerda do polígono industrial e pasalo por detrás das naves. Con isto evitábase que as empresas continuasen recheando e collendo metros á esgalla e tamén que o peregrino só tivese naves á dereita mentres que á esquerda seguiría contemplando a famosa Lagoa das Gándaras de Budiño e a súa contorna. Unha mágoa que este proxecto non seguise adiante.

Quedan moitos puntos que se poden modificar para ben. É só xuntarse coa xente do lugar e preguntarlles onde están as corredoiras, os vellos camiños, as calzadas empedradas, eses carreiros polos que nos gusta pisar e mira-lo ben feitos que están. De tal xeito manteríanse. Sempre que non se lles meta unha capa de xabre ou, o que é peor, cemento.

Conserva-lo Camiño de Santiago non é achandalo para que pase a xente en tacóns, non. A maioría das veces só fai falta que unha persoa lle dea un par de rozamentos ó ano. O resto xa o facemos os sendeiristas pisando nel.