De hai 120.000 anos, no Paleolítico inferior, xa hai restos de bifaces e fendedores de pedra nas Gándaras de Budiño. Arredor do 10.000 a.de C. houbo un gran cambio climático que trouxo máis calor e humidade. A cultura megalítica desenvólvese desde o 5.000 ao 2.500 a. de C., durante o Neolítico. As mámoas ou dolmens son os restos máis frecuentes: eran enterramentos funerarios dos primeiros agricultores e gandeiros. Inicialmente eran tumbas colectivas e, despois, pasaron a ser enterramentos dos xefes. As entradas orixinais estaban orientadas ao Levante, o que parece indicar que crían nun renacer dos espíritos dos defuntos. Máis tarde, durante a Idade de Bronce aparecen os petroglifos ou gravados en pedra con figuras esquemáticas de cervos, cabalos, serpes, círculos concéntricos, labirintos, cazoletas e armas de guerra: espadas, escudos e alabardas. Según últimas teorías podería tratarse de figuras ideadas por chamáns, despois de tomar certos alucinóxenos e de entrar en contacto co mundo dos espíritos. Ata aquí chegaron naves fenicias en busca do estaño, imprecindible para facer bronce misturándoo co cobre. Parece ser que os lugareños viaxaron ás Illas Británicas (probablemente en busca do estaño) como indica a lenda de Breogán (quen desde unha torre de Brigantia ve Irlanda e cuxo fillo vai e morre alí asasinado, sendo vingado polos netos de Breogán, que conquistan e fican no país) e tamén certos estudos de ADN feitos pola Universidade de Oxford, que apuntan a orixe galaica dos habitantes das illas.

A cultura castrexa albíscase no século IX a. de C. e continúa baixo dominio romano ata o século II. Chámase cultura castrexa porque os castros ou aldeas fortificadas son os seus restos arqueolóxicos máis representativos. Estaban construídos no alto dos outeiros e gozaban de murallas. Cultivan cereais, trigo, millo miúdo, leguminosas. Tiñan vacas, cabalos, ovellas, cabras, porcos e pitas. Pero tamén cazaban, pescaban e mariscaban. E tamén hai restos de cans. Desenvolveron unha rica cerámica e unha artesanía da pedra, do bronce, ferro e ouro, na que destacan as súas exquisitas xoias: torques, diademas, brazaletes... e os motivos que tamén deixaron plasmados nas pedras. Eran politeístas e tiñan divinidades da guerra como Bandua e Cosus, dos ríos (Nabia), dos camiños e das encrucilladas. Facían sacrificios de animais e pode que tamén humanos. Según as fontes clásicas, o seu modo de vida era sinxelo e a súa sociedade bastante igualitaria; aínda que tamén hai constancia da existencia duns "príncipes" ou persoas de rango político destacado. As mulleres herdaban a propiedade da terra e nalgúns casos tamén tomaban as armas. Sobre si eran celtas ou non hai unha controversia na que non imos entrar.