O recreo escolar debe ser un escenario de expansión de liberdades e de expresión de humanidade. Débese evitar que o recreo escolar sexa un lugar onde se reproduzan as relaciones de poder e se restrinxan as posibilidades de movemento.

Está claro que neste intre do horario escolar os nenos deben descansar, repoñer forzas, desconectar, falar e/ou xogar cos seus compañeiros. É un momento onde se debe potenciar a integración e o respecto ás diferenzas.

Debemos remarcar o valor dos mestres, o seu impagable traballo e o seu esforzo por formar ao alumnado. Porén nada é perfecto e por diferentes motivos aínda hai centros educativos onde o único deporte que se practica nos recreos é o fútbol. Quen traia o balón de casa ten o privilexio de escoller equipo ao seu antollo e os que non sexan do equipo de fútbol pertinente xa están practicamente excluídos. A imaxe típica nun patio de primaria acaba sendo esta: un grupo numeroso de nenos que xoga un, dous ou tres partidos á vez na pista central. Non moitas nenas participan nestes "encontros", a maioría están ao marxe ou ben vendo como xogan os nenos ou ben facendo "cousas de nenas".

Unha das prioridades de todo centro educativo é a integración, aceptar as diferenzas, apreciar a diversidade. A función da integración e da coeducación non é que apareza escrita nos documentos dos centros educativos, a súa razón de ser é que se poña en práctica e evitar calquera tipo de discriminación. Todo centro educativo debe educar en valores e esta tarefa frecuentemente é dificultosa e a miudo implica ir contra corrente. Centrándonos nos recreos, moitos centros educativos xa teñen feita unha distribución de distintos deportes e/ou xogos que os nenos poden practicar nos recreos fundamentados na diversidade. Isto facilita que os nenos poidan compartir distintas experiencias e descubrir capacidades que poderán desenvolver nun futuro.

No recreo se é o que se quere ser e o que se soña ser, nas aulas so podes facer o que se te permite facer.