Todos sabíamos o que estaba a acontecer no mundo, as miles de persoas que loitaban cada día para poder escapar da guerra, as súas peticións para acoller ás familias que vían o fin dos seus días tan preto, as barbaridades que se cometían para poder sobrevivir e as esperanzas que se afundían tristemente no mar cada día desde fai anos. Aínda así, éranos alleo.

É moi triste que para que o pobo atenda se teñan que amosar tan crueis e violentas imaxes. É moi triste pasar catro anos vendo como persoas morren indiscriminadamente. É moi triste ver que só se reacciona ante a fotografía dun neno morto nas costas do Mediterráneo. É máis triste saber que fai menos dun século os que viaxaban deixando atrás todo e ca inseguridade de non saber o que lles agardaba eran os nosos avós, avoas, nais e pais, e que aínda así, éranos alleo.

Un neno debe ter a preocupación de colaborar na casa, escoller a que xogará cos seus amigos e estudar cada día para poder formarse, pero nunca debería ter a preocupación nin o medo de se ese será o seu último día con vida e o da súa familia. O mundo non ten barreiras, todos somos humanos. Hoxe pode ser un neno sirio, pero quizais mañá sexa o noso veciño, a nosa compañeira de traballo ou un familiar.

As esperanzas na racionalidade humana non se esfuman de todo coas iniciativas que se están propoñendo para poder salvar ás familias que buscan desesperadamente sobrevivir a esta catástrofe. Todos podemos colaborar facendo algunha aportación para esta causa, pois únicamente é a conciencia cidadá a que pode cambiar o mundo e facer que non se poñan inxustamente en risco máis vidas. Non queremos máis fotografías do pequeno Aylan, queremos unha reacción colectiva que mova conciencias.