Dende hai algunhas semanas circulan pola rede, na forma convencional de contadores de sinaturas, varios manifestos que reclaman unidade de acción ás forzas políticas que din defender a identidade galega, co obxecto de lograr un grupo parlamentar galego no Congreso español que resulte das inminentes eleicións xerais.

Faise moi evidente xa, cando as adhesións á idea superan -sumados todos os manifestos- varios miles, e medrando, que os adherentes son mulleres e homes de moi diferentes idades, distintas formas de gañar o pan, variadas visións do mundo, dispares crenzas, disimilares vontades, diverso matiz nas preferenzas políticas. Unha heteroxeneidade, porén, que non parece impedirlles o enxergar con alarma compartida a desintegración das forzas políticas capaces de traducir con rigor e dignidade o ser galego nun parlamento ibérico (para temer as traducións tradicionais abonda lembrar a aínda non lonxana experiencia do Prestige - Nunca máis).

Se cadra estas forzas son moito máis mixiriqueiras do que as persoas, e detectan insuspeitadas rugosidades por baixo dos dous planos que agora se nos antoxan irrenunciábeis: a identidade política de Galicia e un corpo social sen cabida para as diferenzas criminosas nas que nos afundíu o fracaso neoliberal. Do que é ben, a historia confirma que o primeiro plano sempre se asociou íntimamente co segundo (a recíproca tamén se cumple na reflexión madura dos últimos tempos), facendo así ociosos os escrúpulos potenciais por ambas as dúas beiras.

Cando Galileu consideraba a caída dos corpos de moi diferentes pesos, doíase da irracional conclusión á que levaba o se fixar nas pequeneiras diferenzas de velocidade debidas á resistenza do ar, e esquecer o principal: a sua entidade menor e sen relación cos pesos, o que convertía as discrepancias só nun obstáculo para entender a esencia das leis do movemento. Cando a recentemente chorada Lynn Margulis falaba da evolución biolóxica -dominio ao que contribuiu con excelencia-, gostaba de subliñar que a competencia pode talvez demoucar detalles superfluos, mais que é só da cooperación de onde procede a forza creativa que constrúe as feituras esenciais.

Acaso a ciencia pareza unha instancia pouco invocábel para ilustrar o acontecer dos universos políticos. Mais confesamos que para nós, que asinamos preocupados algúns dos manifestos sinalados, é un cimento eficaz da converxencia entre as nosas heteroxéneas persoalidades. E pensamos que nun momento que augura mutacións significativas para o equilibrio político do Estado Español, e se cadra da Unión Europea, invocar mecanismos que rexen nos camiños da vida e do coñecemento semella máis prudente do que o irracionalismo que latexa nas chamadas a salvagardar subtilezas dos perfís políticas para, no fundo, deixar que as cousas en Galicia prosigan coa súa degradación.