Estamos todos abraiados, ou iso parece, a xulgar polas noticias diarias, as declaración dos políticos en todos os ámbitos, etc. Pero, ao falar de refuxiados dá a impresión de que se acepta que todas estas persoas están nesa situación por culpa dalgún deus maligno, que apareceron por xeración espontánea. Nin unha liña, ou moi minoritarias, sobre as causas que motivaron que todas elas estean desesperadas como para emprender semellante "aventura", poñendo en gravísimo perigo as súas vidas e as dos seus fillos e fillas. Ademais, na conciencia colectiva occidental parece que ese drama queda difuminado ao referírmonos a esas persoas como emigrantes ou refuxiados. Isto impide en certa maneira que tomemos conciencia de que son persoas. Homes, mulleres, nenos e nenas de todas as idades. Son os veciños do noso edificio, nosos familiares, nosos fillos e fillas, nosos netos ou netas os que son maltratados, aterrorizados, pasan fame e sede, ou acaban mortos en calquera recuncho do mar ou da terra.

Nesta realidade operan dous tipos de mafia: unha, a que aproveitándose da desesperación procura enriquecerse, abusando da necesidade que estas persoas teñen de escapar. Algúns destes delincuentes son detidos e condenados, por certo, moi poucos. Pero existe outro tipo de mafia, poderosísima, que foi a que mandou arrasar todos eses estados coa peregrina escusa de que ían "democratizalos" e converter esas sociedades, que posúen a súa propia cultura e vivían no seu entorno dunha maneira natural, nunha sociedade occidental. Do obxectivo verdadeiro de esquilmar as súas riquezas, de evitar que teñan verdadeira soberanía non din nada.

As consecuencias están á vista: un desastre humanitario. Entón, ¿por que seguen insistindo nesa liña? Porque esa potentísima mafia, que manexa o poder económico, que controla os gobernos, tendo por este medio tamén o poder militar e político, e a quen certos gobernos incluso lles ríen as gracias, ten que conseguir aumentar todo este poder, de tal maneira que ninguén poida pararlle os pes a súa falta de escrúpulos para consentir que se asasine a milleiros de seres humanos con tal de que eles incrementen o número de ceros do seu xa enorme peculio.

Os culpables desta situación, pois, non son os respectivos gobernos dos que proceden todas estas persoas. Son os que decidiron arruinar Irak, Libia, Siria..., os que crearon cos seus servizos secretos os movementos terroristas e os que lles nutren de armas para causar estes dramas, sen importarlles o asasinato de seres humanos de todas as idades. E nunca serán detidos nin condenados. Claro que o deles non é o humanismo, son os negocios, e estes non entenden de moralidade. Pero aínda hai algo moito máis grave: estes mafiosos están utilizando os nosos impostos para seguir coas súas tropelías. Os avións que asasinan, as bombas que lanzan e os exércitos que reprimen están pagados con eles.

A conclusión, entón, é que cada un, cada unha de nós, temos unha parte de responsabilidade neste gravísimo drama humanitario. Por acción, por omisión, por ignorancia ou irresponsabilidade.