Hai quen non quere que o noso corazón latexe, quérennos mudos ante a inxustiza, xordos ao xemido do pobo, cegos ante os abusos. Porén -como dicía Manuel María- cada latexo é unha mostra de amor.

Falar a lingua ancestral do pobo, comer o seu mesmo pan e beber o seu mesmo viño é a única maneira de estar con el. Quérennos mortos, colonizados, sen espírito, sen alma.

Porén ti, compañeira e compañeiro, fai un esforzo e latexa, vive e resiste a asimilación. É a única maneira de perdurar e de rematar con este xenocidio lento que acaba con nós. Desconfía -como dicía o poeta da Terra Cha- dos que din amarte e en realidade só te queren sumiso, encadeado ou morto. Vivir é resistir, coñecer o noso pasado, a nosa historia, a nosa cultura.

Enraízarse no chan coma un carballo, aínda que sexa anano. A xente nobre e honesta o entenderá e estará contigo; os féridos e duros non nos entenden non. O Día das Letras Galegas de 2016 está adicado a Manuel María: aproveita para lelo, Manuel María é un xigante, un carballo robusto e fecundo que debes coñecer. Aliméntate, goza con el e... latexa, latexa sempre ata morrer.