Nada lle importa a ninguén, pero todo se quere saber. Nada dos demais nos interesa, pero aproveitamos a miseria do outro para ocultar ou disimular a nosa. Non somos capaces de dicir nin unha palabra que por si mesma diga algo, pero levantamos a voz porque estamos convencidos de que os demais nos teñen que escoitar.

Estamos sen saber onde estamos e moito menos aínda sen saber nin entender nada do que se move ao noso redor, pero levantamos o dedo acusador para delatar a todo aquel e todo aquilo que por calquera razón nos incomoda. Temos os cóbados a carne viva de tanto sacalos da súa posición natural. Queremos ocupalo todo, apoderarnos de todo. Queremos roer, triturar. Queremos trinzar e aspiramos a marcar o noso dominio do territorio para que os demais se sintan amedrentados. So nos falta ouriñar, como animais. E chegará o día, mais ese día seremos devorados polos mesmos animais que se confundirán entre nós. Ou nós entre eles.