Non sei se as lecturas de verán son diferentes do resto do ano, pero semellan ter a lo menos algo de convite de lecer no que mormente se degusta unha relectura e hai tal vez perto unha hamaca, a sombra dunha figueira, quérese dicir, un pequeno paraíso non-venal.

Nun escenario así non cadra moito "Crime e castigo", pero iso sábese despois, pois non se trataba aquí dunha relectura, e sen embargo o cargo de conciencia de Rashkólnikov (exestudante por falta de posibles, asasino duplo) parécese moito ao inferno da canícula, e de feito o suor do noso protagonista é tamén noso, se cadra pola mestría de Dostoievski.

Teño para min que esta cimeira da literatura rusa e universal influíu en toda unha cinematografía policíaca norteamericana nos que o ben e o mal se fitan aos ollos en interrogatorios de comisaría. Quizais. Sí é certo que o devandito interrogatorio é cume de tensión na novela, previo a un golpe de efecto maxistral: De súpeto aparece en escea un que se di asasino sen selo -o lector sábeo-, para estupor do verdadeiro criminal.

Mais non é unha novela policíaca nin moito menos, e todo xira arredor da psicoloxía do protagonista entre o día que concibe o crime e a entrada na cadea e logo entre o ingreso en prisión e a asunción da culpa.

O calvario privado do túzaro e altivo Raskólnikov abala primeiro da xustificación do delicto baseada nun desprezo das vítimas, a logo a tentativa de suicidio, polo medio el querer entregarse, buscar o perdón ante sí mesmo, é dicir, ten el un pleito dentro, e non sabe que é posible a redención nin por onde se chega a ela.

Seica son coñecidos os nomes de rúas e lugares reais disimulados parcialmente na novela e que lendo algunha sinopse biográfica de Don Fiodor compróbase como episodios da súa propia vida están salferidos aquí e alá encarnando as diversas personaxes e así se algunha dúbida había de verosimilitude verbo deste ou daquela, eslúense no momento.

San Petersburgo, retratada darriba abaixo, dende o infrapoletariado ata a nobreza (apenas mentada), a situación aínda feudal e en contraste ensaios de comuna, a experiencia carceraria que tamén coñeceu Fiodor Dostoievski en Siberia. O autor ten algo do protagonista e este débello todo a aquél.

Parece que deixou en peñor, como Rashkólnikov, obxectos persoais a unha prestamista usureira e talvez a xulga e condena a morte na ficción e abre logo, xa el conservador, un debate ético nesta obra longa e tráxica. En galego por suposto.