Se houber vontade, un proceso constituínte pódese encetar na Galiza dende as deputacións, poñendo a andar o traspaso das súas funcións ás comarcas, como xa propuxen nunha carta neste periódico, enviada o ano pasado dende Larouco, e as comarcas (hoxe 53) serían as circunscricións electorais para os deputados ao Parlamento Galego; para que o número de deputados elixido por cada comarca sexa directamente proporcional ao número de electores do censo, farían falta uns 331 deputados no Pleno do Parlamento, para que Terra de Caldelas elixira 1 deputado e Vigo uns 49, a Santiago corresponderíanlle uns 18, ao Carballiño 4, á Terra Chá 6, a Deza, Ordes e Betanzos 5, aos Ancares 2, a Valdeorras 3, 12 ao Salnés, etc.; se se xuntasen as Terras de Caldelas e Trives por un lado e A Fonsagrada e Meira por outro, podería diminuírse o número de deputados; sería a mellor e mais certa representación da Galiza, mantendo unha Lei Electoral proporcional corrixida coma arestora ou directamente proporcional; estes 331 deputados non deberían vivir da política e percibirían os cartos xustos para que non lle custara ao seu peto os labores de representación; o Pleno non debería xuntarse mais dunha vez ao mes, salvo situacións excepcionais; os grupos parlamentares terían unha porcentaxe de liberados (dedicación exclusiva) que se o deciden eles poderían rotar ao longo da lexislatura. Para as eleccións a Cortes Xerais, Galiza sería una circunscrición única, para mellorar a proporcionalidade da representación.

Estas propostas e/ou outras que precisen cambios nas normas constitucionais e estatutarias ou bases constitucionais, mais as de carácter económico, as sociais, as relativas á enerxía, ecoloxía e cambio climático, as relativas á Unión Europea e ao Eurogrupo, para que Europa deixe de ser o problema e volva a ser a solución, as relativas aos nosos veciños de España e Portugal, as relativas ao resto de Europa, o Mediterráneo, o Atlántico, a Iberoamérica e o resto do mundo, etc.; poden montar candidaturas que leven as voces da Galiza as Cortes Xerais e constituíntes.

A dereita ten que colaborar e facilitar as cousas, se non quere ser testemuñal, como era a Alianza Popular de Fraga, cando no referendo da Constitución de 1978 votou en contra.