Non serei eu quen malverse o sexo oral, ese que durante o franquismo consistía, todo o máis, en dicir catro palabrotas. Ou ese do que morbosamente disfrutaban eses celibatos de porta pechada que dictaban a moral dos nosos leitos. Porque no medio das matanzas sempre se espaventa o asasino das palabriñas e das palabrotas. Do sexo verba transitouse ao oral pola caixa rexistradora da pornografía patriarcal. E como o sexo virtual tamén é ben triste e peca de onanismo e ananismo, agora seica as felatrices están á última, malia a brigada antivicio nacionalcatólica e os creacionistas gringos. Non serviu ren aquela advertencia do Michael Douglas e a prevención do cancro de gorxa. Como tampouco valeu de moito o escarmento contra Clinton por aquela becaria.

A represión sexual sempre foi unha teima nos conservadores de segredos inconfesabeis nas escuras alcobas do poder. Non así a represión sanguenta contra os povos ricos en materias primas. O caso é que calquera práctica da sexualidade que non levara á concepción foi sempre perseguida polo poder. O goce gratuíto sen escusa de xeración non fornece o exército dos parados ou dos miserentos. E por riba pode conducir á relación pura entre dúas persoas librepensadoras en pura comunión sen roupa talar.

Mais o turismo sexual mallorquín, que a min paréceme máis un turismo drogadicto e descerebrado ca pracenteiro, ten máis a ver coa marca España de etílico e praia que coa libre sexualidade. La Douleur de Picasso! A cousa non é nova. A felación é unha práctica sexual lícita, anque ninguén parece albiscar por qué ten máis practicantes co cunilingus. Cleopatra xa foi alcumada polos gregos como merichane ou a boca dos dez mil homes. Disque porque lle practicou a felación a cen soldados romanos nunha noite. Pantasías animadas por mentes de homes reprimidos e historias de mulleres asoballadas e por riba públicas, isto é de todos e privadas de todo.

Eran habituais as felatrices na Antiga Roma. Mais o home que fixera un cunilingus tíñase por peor que aquel que fose sodomizado. Ao fin, xa daquela, o home sempre tivo máis categoría ca muller, canto máis no leito. O Corán tamén tolera a felación sempre que non haxa líquido por medio. Non sei se acepta o líquido etílico da barra libre das discotecas mallorquinas. A min paréceme que atraería máis o turismo se as discotecas pagaran con barra libre a autofelación. Que poucos seguidores ten o deus Atum. E iso que sen o seu seme non teriamos este aire xebre e esta gorentosa humidade ambiente!

Pode que a marca España tivera ben máis éxito se lles dera por recuperar as festas do touro Apis exipcio (xa que as touradas teñen tantos seguidores incluso en ministros domecqs). As mulleres levantaban as saias ao paso do deus Apis co falo ergueito, e amosabanlles os xenitais. (Aquí como moito tiñamos o lampión do piorno). O mesmo que facían os atenienses nas tesmoforías, coa procesión do falo primaveral. Mais daquela facíano para espertar as sementes nun ritual agrario en honor de Dioniso e Deméter pensando máis en encher o bandullo ca noutra cousa. Agora fanno as mozas por unha noite de barra libre en calquera discoteca cutre da illa balear.

O máis triste destes concursos de fellatios ou mamading é que son só un reclamo turístico no país da educación diferenciada e da lei Wert. No país da educación sexual vaticanense. No país da venta de fillos de mulleres pobres ou solteiras dende hospitais, orfanatos... do clero. No país que distinguía cunha maxencia anxelical entre fillos lexítimos, naturais ou espúreos! No país en que máis nenos tiñan señores tíos con sotana e misal. Parece que estas felatrices de discoteca teñen unha sensación de liberación sexual, disque. E a min, que aínda non enxerguei esa liberación case que por ningures, é o que máis me espaventa. Que nos volvan vender a represión machista máis vexatoria coma liberación da muller. Que lle chamen xogos sexuais a esta escravitude moderna! Dáme igual que practiquen a irrumación ou a dobre felación. Se da Revolución Francesa en diante só nos vai chegar o francés, sexa bebido, profundo ou natural, non creo que compensara moito ir alén Pirineos a ver de contrabando O derradeiro tango do Marlon Brando. Seica na India, a felación era cousa de eunucos. E seica os bonobos, eses chimpancés pigmeos, usan o sexo coma sáudo e pago de favores dentro e fóra da familia. Mais se baixamos das árbores (anque os creacionistas aínda o dubiden) agardo que non fora somentes por causa do cambio climático que espallou as pradeiras.

Que avantaxa espiritual a daquelas donas chinesas que nunca padeceron de halitose espiritual. Aquelas que espertaban á sexualidade da natureza, disfrutando de viaxes en barca entre as froles de loto dos lagos. Aquelas que facían o amor libre entre a brétema do solpor mentres na auga calma espellabanse a lúa e as estrelas. Ou escoitando sensualmente a melodía do vento e a choiva entre un leito de almofadas mentres devecían pola xeografía humana da pel e o quecer do sangue ao caer das follas outonizas. Chiufu cantaba: Onte era mellor que hoxe; e este ano son máis vella co pasado. Quen estamos feitas da materia dos salgueiros non temos de agardar que viviremos un cento de anos. Parecía unha fada de Ameixa soa entre un mundo de seres humanos! malia da poética que non é sexual e malia da sexualidade sen poética!

Para achar a liberación sexual, as mulleres e tamén os homes temos que mirar cara atrás. Procurar no pasado as pegadas dun mundo que foi ceibe, un escusado mundo onde a sexualidade non era aínda serva do poder!