Ai, que fermosa e sabia é a mitoloxía das culturas, a galega, a céltica... a grega! Por que é tan esquecedoira das escolas e das familias? Sabe alguén me dicir que foi que ocasionou a guerra de Troia? Ao mellor non anda tan lonxe da de Ucraína. Foi por darlle sona a Helena por ter enemistado a Europa e Asia? O que sí está claro é que a mazá de ouro (cicais da mesma raza daquela na que apareceu Santoandré Briareo en Teixido) coas verbas: "Para a máis bela" foi o que desencadeou todo. Xa Hécabe tivera un soño premonitorio onde Paris, o árbitro da disputa, xurdía con feitío de serpes de lume. Paris, o fillo perdido de Príamo (non Príapo, que ás veces enleamos todo por un só p). Era Paris un belido mozo que se entretiña en gravar seu nome na codia das faias e lamigueiros. Cicais o primeiro graffiti ecolóxico da historia. Gostaba de facer loitar touros e de dar coroas aquí e acolá. E levaba unha vida leda ata que Zeus escolleuno por ser tan belo como sabio en asuntos do corazón e tivo que exercer de xuíz para escoller a máis bela entre Hera, Atenea e Afrodita. Foi esta última, xustamente, quen lle espertou o devezo por Helena, casada coa realeza espartana. Ela faría que namorase perdidamente de el. Era polo esfregamento de dúas pedras a manar sangue que Afrodita mantiña prendida a paixón de Paris. Remedo que xa quixeran para si tantas parellas! Helena, a engaioladora lúa, nacida do ovo dun ciño. O rapto de Helena e a guerra de Troia.

Na fundación de Troia aparece unha imaxe moi curiosa de tres cóbados de altura e sen pernas, o Paladio, feita por Atenea en lembranza da súa defunta compañeira de xogos libia Palas. Era seica un sinal do ceo, unha deusa caída do ceo protectora da cidade. Hai quen di que caeu a traverso dunha fenda do ceo que daquela aínda non estaba rematado, un burato do ceo, vamos. O caso é que isto asemella á lenda das pedras do raio que disque caían do ceo tamén. A lenda de Vilanova dos Infantes, tan sobranceiramente versificada por Curros.

O caso é que aos povos sen Estado, atacados por esta Europa esmagadora e financeira que rapta aos povos para ficar co botín de guerra, viríalles ben ter unha imaxe destas para gardar as súas fronteiras culturais, terrestres e mariñas. Unha imaxe destas deusas territoriais, poderiamos dicir, antiimperialistas.

Na década dos oitenta, prometíannos unha Europa dos povos, onde se respectarían as culturas, ecosistemas, economías e linguas dos povos minoritarios, indefensos perante o capital especulador globalizador. Que ficou daquelo? Agora un grupo minoritario que posúe todo, agochado baixo infindade de nomes e facianas xoga coas nosas vidas, cos nosos dereitos colectivos coma povos e volve a mutilar e violar o corpo da Europa, as terras da Europa como outrora fixeran os Estados centralistas e os imperios coloniais. Xa se fala de federacións de rexións como España Atlántica englobando a Canarias, Asturias, Galiza e Portugal. Que dirá Portugal e Galiza cando lles mudan o nome polo de España? Quixera saber eu qué parte de España baña o Atlántico? Entramentres, eu fico en Teixido agardando esa barca de pedra de Saramago que nos leve coa marea para ser (como xa somos) pero de lei, unha illa máxica, ceibe e dona de si, anque para elo haxa que mudar en illa dos mortos ou na Tir na Nog.