Na estación subterránea de Sants (Barcelona) onde arribamos no 82 para visitar familia, deume a impresión de desembarcar noutro país, un país desenvolvido que non viña nos mapas, descoñecido e cunha realidade agochada, a excepción da bandeira esférica do Barça. O curmán levounos de visita pola cidade ao ritmo dos urbanitas que non estabamos afeitos. Cando felizmente as distancias eran longas demáis incluso para el, colliamo-lo metro. Dúas señoras dignas parolaban perto de noso e facíano na língua delas. Noso curmán explicounos que había unha burguesía nacionalista e fabril, protagonista da empresa, a banca e máis do país. O das señoras falando catalán fascinoume e pensei que xa podiamos ter unha burguesía desas.

Na vila, tra-las vacacións no mundo futuro, andabamos no Círculo Recreativo Cultural. Nas paredes do edificio de Mélida Poch, sito en Domingo Bueno, penduraba unha gran foto de Xosé Fernández López. ¿Quen era aquel home benefactor e impulsor da obra social presente en tódo-los recunchos de progreso da Louriña? Fernández, somentes un retrato e un rastro de empresas punteiras, unha persoa discreta ata o enigma, tal vez un catalán...

Zeltia, Cooper Zeltia, Zeltia Agraria, Ici-farma, Syngenta Agro, Lonza... As químicas porriñesas foron baptizadas e rebaptizadas polo capital viaxeiro pero os porriñeses, atentos ós sucesivos alcumes, sempre conservaron o nome primeiro.

En datas próximas, o CRC entrega os seus premios anuais, e alén dos parabéns aos premiados, ocórresenos nada orixinalmente, lembrar aquel sono da Mocedade Céltiga, alá no Madrid anos vinte da burguesía galega, artello do Porriño fabril e do Círculo.