A Illa de Ons, xunto coas Cíes, acapara un importante auxe turístico durante a época estival. Entre veciños, campistas; campamentos, persoas de aluguer, persoal de Parques, traballadores de negocios e os visitantes do día, poden alcanzar as 2.000 persoas diarias. Para este importante número de persoas, entre os que hai moitos nenos, Parques contrata un retén de persoal de Cruz Vermella que chega no primeiro barco da mañá e marcha no último da tarde.

Ata aquí non hai queixa, máis ben pola contra, todo son parabéns para o labor que estas persoas fan. O problema xurde cando, a partires da saída do último barco (sobre as 20 h.) ata a chegada do primeiro (sobre as 10´30 h) hai 14 horas nas que en Ons hai arredor de 800-1000 persoas sen ningún tipo de atención médica nin medios de transporte para un traslado urxente no intre do accidente.

Os que levamos pasando en Ons as nosas vacacións dende hai máis de 40 anos, fomos testemuñas dos gravísimos accidentes ocorridos polas noites: insuficiencias cardíacas, ataques epilépticos, insuficiencias respiratorias, apendicite..., e non digamos lesiones máis ou menos graves como golpes, luxacións, traumatismos varios..., e accidentes de gravidade como caídas de muros altos, ao mar, nas rochas..., queimaduras de importancia e con resultados tráxicos..., e un longo etc.

Para toda esa importante problemática, a quen acudir se non hai servizo nocturno de primeiros auxilios, nin medios de transporte para unha evacuación o suficientemente rápida? O único que temos é a chamada ao 061 ou ao 112. Dende logo os medios están aí, non imos negalos, pero mentres se desprazan ata a Illa, quen dá as primeiras atencións ao enfermo ou ferido? Atencións que nos primeiros intres poden ser cruciais e que non poden ser dadas por persoas sen coñecementos, xa que hai risco de provocar máis gravidade ao accidentado da que tiña.

Tamén, ao carón da tardanza en chegar unha embarcación ou o propio helicóptero, está a información a facilitar sobre a situación do enfermo ou accidentado para que se poñan en funcionamento todos os protocolos de salvamento. Se non hai persoal especializado, quen vai a explicar a sintomatoloxía do ferido? O desprazamento destes medios é custoso, polo que necesitan saber en que estado de gravidade está a persoa para a utilización dos medios adecuados. Quen vai dar esa información?

Levamos anos pedindo á administración que os Primeiros Auxilios en Ons sexan Permanentes, día e noite. Medios teñen pois, para protexer á Illa de incendios, contrátase unha brigada de incendios permanente, sen embargo, para protexer ás persoas non...Terá que ocorrer algo grave para que a administración tome medidas?

Dende aquí insto á nova directora xeral de Conservación da Natureza, moi preocupada pola apertura da zona de acampada, para que se busquen os medios para que en Ons haxa este verano Cruz Vermella Permanente.