De a máis dicare que é ofrecer. A ofrecer. Quen fai a oferta? Un rei que recibiu a coroa a mans dun dictador. Un rei que mesturou negocio e ocio incumprindo o mandato constitucional que di que o rei reina mais non goberna. Un rei que asistiu á voda da filla dun presidente do goberno, espellando unha ideoloxía ante o povo.Un rei que recibiu unha coroa que lle pertencía a seu pai por dereito monárquico. Abdicare é renunciar a un cargo, especialmente á dignidade de rei. Mais que é o que é a dignidade dun rei? Máis aínda cando ese rei vén designado polo dictador e vai restituir unha monarquía de seu avó, Afonso XIII, que fóra rexeitada polo povo español aquel glorioso 14 de abril, para dar paso á Segunda República.

Morto Franco, de non convocarense un referendum onde o povo soberano decidira se quería continuar coa República que violou o dictador, o lóxico era convocar un referendum para elixir república ou monarquía. Mais a modélica transición foi amañada, de costas ao povo, usurpándolle a soberanía. O povo só tivo a opción de votar unha constitución cunha soa opción: monarquía parlamentaria si ou si. Baixo o medo e o ruido dos sabres.

Agora, artellan, outravolta unha abdicación e coroación urxente e sen acuse de recibo. O povo maniféstase masivamente nas rúas a favor da república ou dun referendum. A resposta do bipartidismo son oídos xordos. E unha campaña mediática para vernizar un reinado escuro e tan opaco coma o do partido no goberno. Ao que parece sobre o 18 de xuño será Felipe VI rei. Podían, alomenos, esperar ao 18 de xullo para que fora unha data máis acaxomada.

A monarquía, por outra parte, é unha institución caduca. Vén da Idade Media, cando unha manda de nobres máis exitosos na rapina doutros nobres, fidalgos e servos, autonomearon a un primus inter pares, primeiro entre iguais. O abuso e a forza dos exércitos está na orixe da Coroa. Todas as leis e costumes, dende a lei Sálica que discrimina á muller no acceso ao trono, ata a altura dos tacóns nas cerimonias son dun tempo en que se queimaba ás mulleres e rebeldes por bruxería ou herexía! Xa é tempo de que entremos na Historia Contemporánea e non fiquemos estantíos aturando uns privilexios incompatibeis co século das viaxes espaciais, a nanotecnoloxía e os dereitos humanos universais!.