Foi en Bazar, hai unha semana, onde Enrique e Diego perderon a vida. É en Bazar, hoxe, cando manuscribo estas poucas liñas para agradecer o traballo e a calor das institucións, colectivos e persoas que participaron na búsqueda dos dous desaparecidos.

Non será xusto esquecer a ninguén dos moitos que estiveron; tampouco será xusto non destacar a algúns. A Fran, que coas ganas propias da súa idade, escudriñou cada recuncho da costa. A Gloria, que deu calor á familia e puxo os seus coñecementos de muller do mar ó servizo das autoridades. A Gerardo, que con profesionalidade e profunda humanidade estivo día tras día dirixindo as operacións. E sobre todo a José, pai e pai e avó. Deunos a todos unha lección de saber estar, de enteireza, de resignación, de todo; a pesar do trance polo que estaba a pasar.

Ó lado de todos, ó lado destas catro persoas aprendín leccións inesquencibles.

A súa familia, con José á fronte, merecen xa descanso.