Lonxe de constituir unha afrenta comparable á interpretación do himno de Pascual Veiga no Pazo do Hórreo coa guitarra flamenca, Porrigalia non é tampouco a desidia respecto dos símbolos de noso. Trátase da premisa que percorre o mundo, como unha praga bíblica, de ligar rendibilidade a calquera cousa. No concello da Louriña partillan disto, e se é encomiable o pulo que recibe o deporte, a cultura enténdenna como sospeitosa e subversiva. Non é así.

O futuro pensado como unha franquicia comercial é dunha pobreza desoladora e albiscar espírito e poesía somentes ao amparo da misa, é rexeitar o mesmo mundo. As persoas fórmanse cultivando corpo e mente e non debemos excluír un ou outra segundo a nosa escolla política. Todos sairemos gañando se nos regalamos ciclos de conferencias, música clásica (non só Panorama), reeditamos libros sobre O Porriño (Recuerdos porriñeses de Leandro Diz, ocórreseme, proxecto que Barros non rematou).....Na Casa da Cultura hai xente de valía pra aconsellar se o alcalde require opinión.

Todo isto nunha vila que ocupa o noveno lugar na lista do PIB galego e que para algunhas cousas funciona como a aldea de Astérix.