É ben certo que a nosa desaparición definitiva non ocorre mentres vivimos na memoria dos demais.

É o caso de Pilar Pazos, una boa redondelá que nos deixou nun mes de abril, especialmente no mes de abril, diría J.M.Serrat.

O 20 e o 21 deste mes xa son datas unidas polo recordo de Pilar Pazos e de Fernando Pereira, dúas persoas amigas e de compromiso social recoñecido.

Os que compartimos militancia e responsabilidades con Pilar Pazos na Asociación Alén Nós de Redondela desde o seu nacemento no ano 1996 gustaríanos manifestar que a súa amizade e o seu exemplo foi capaz de sobrepasar a barreira do tempo.

Foi vital a implicación de Pili para a propia creación de Alén Nós. Tamén na defensa de proxectos e traballos como a recollida de pezas para a creación do futuro(?) museo etnográfico de Redondela, para a defensa do Cemiterio dos Eidos, no proxecto inicial da posta en valor do Parque Arqueolóxico de Monte Penide, na creación da Festa das Luminarias da Peneda...

Se en Redondela existise o premio ou distinción ao "veciño necesario" ou ao "dirixente veciñal", a unha das persoas que teriamos que darllo será a Pilar Pazos, polo seu innegable labor durante moitos anos como activista e traballadora incansable de boas causas sociais, desde a Asociación de Mulleres Rurais "Sementeira" da que foi presidenta, ou desde a Asociación Alén Nós.

O labor que desempeñan moitos dirixentes veciñais non conta co recoñecemento necesario por parte da administración, non é valorado a gran achega económica que significa o seu cometido, non se considera suficientemente que o seu traballo é voluntario e que os move un interese único e exclusivo do benestar da súa parroquia e Concello, que traballan sen pensar nas horas que adican diariamente de forma altruísta ou mesmo nas incontables veces que deixan a súa vida privada e familiar de lado por estar ao servizo da comunidade. E non hai moitas persoas así na vida.

O dirixente veciñal forma parte do organigrama social e é indispensable para o desenvolvemento da comunidade e da participación cidadá. Sen a existencia de dirixentes veciñais non se poderían concretar en boa medida as solución aos problemas do Concello, porque son eles os que están en contacto directo coa poboación e coñecen as súas necesidades e problemas que os afectan.

Neste agradecemento queremos recordar a tódolos activistas e participantes na vida asociativa do Concello e en especial a compañeira Pilar Pazos, impulsora en Redondela de proxectos sociais e culturais para que Galicia teña "mil primaveras máis".