Escoito nestes días o encendido debate e indignación sobre a nova lei que suprime a cabeceira xudicial en Vigo xustificando unha estrutura provincial (borbónica, engado eu) na que priman a formalidade das capitais provinciais por riba de calquer realidade económica e social.

Como prexubildado do Banco de España, que me tocou vivir en primeira persona como afectado o peche de Vigo (1981) e, despois, como afectado e presidente do Comité Nacional de Empresa do Banco de España, o peche de Pontevedra (2004), podo afirmar que nada temos avanzado na toma de decisións políticas que afectan á vida dos cidadáns e que se toman desde depachos de Madrid ignorando a realidade do país.

No peche de Vigo que quintuplicaba a actividade de Pontevedra e igualaba a da Coruña nos anos ochenta primou o mapa administrativo xeral do país...; comprendían en Madrid a realidade de Vigo respecto á de Pontevedra..., pero se facían a excepción de Vigo...; logo virían outras...; Xixón, por exemplo...; así que o políticamente cómodo era pechar os ollos á realidade e decidir uniformemente: o Estado ten unha organización provincial, e as capitais de provincia teñen recoñecida a súa prevalencia...

Pechouse Vigo, non medrou Pontevedra, mantívose A Coruña... , e pasaron vinte anos e unha nova reestruturación no 2004...; agora, unha sucursal por autonomía... con excepción das provincias vascas... esa sí é outra realidade...; e, claro, Pontevedra seguía a ser unha pequena sucursal e Coruña mantiña a súa capacidade dos 80, como era Vigo daquela,... pois pechouse tamén Pontevedra.... e queda Coruña.

Pois o camiño é o mesmo, a visión política e as consecuencias futuras para Vigo e, ao final, o da provincia de Pontevedra.

No mapa do Banco de España, que ten unhas poucas funcións aínda de utilidade para os cidadáns como Banco Central, e despois dunha nova reestruturación recente, temos unha sucursal na Coruña, outra en Oviedo, en Valladolid ou Badaxoz,... bueno tamén nos queda Portugal,... en Oporto o Banco de Portugal pódenos atender como sucursal do Banco Central Europeo.

Este esquema no que Vigo e Pontevedra son ignorados sistemáticamente é moi recoñecible no debate actual da organización xudicial...

Repítense os erros históricos sen que ninguén aprenda.