Todos os que fumos nenos no Porriño, nos anos setenta, sabiamos quen era Vavá, vímolo corre-la banda en Balaídos ou por televisión e, logo, máis tarde, puidemos tratalo no campo do Lourambal como o noso adestrador de infantís que foi. O mes previo ó comezo da tempada era a criba pra ver quen quedaba no equipo e quen debía marchar. Non gardo un recordo traumático daquela época feliz porque xoguei, pero moitos anos despois teño visto as caras de nenos desbotados deste e doutros clubes por que non valían.

Non sei se todos os adestradores afeccionados teñen conciencia da súa responsabilidade, imaxino que en moitos casos así é. Dende logo a sociedade en xeral non os menciona á hora de falar de implicados na educación e son importantísimos porque están a xestionar soños, fundamentais nos proxectos de futuro.

Non esquezo o día no que un compañeiro da escola me regalou unha camiseta dun equipo de fútbol envolveita en papel de xornal. Aquela prenda de roupa tiña un "valor engadido" incalculabel porque me acreditaba como membro de algo meirande, raias e cores que definen o sentimento de pertenza a un grupo, e que noutrora foron credenciais do clan e da tribu.

Pensar únicamente en termos de competición cando se trata de deporte base é un erro. Hai unha necesidade de integración na sociedade que teñen que atender tamén as entidades deportivas, precisamente en momentos nos que o déficit é o paradigma.

Debemos ofrecer protección e estímulo ós rapaces no canto de frustración e botellón. Como diría un empresario: son o noso principal activo.