Corenta e dous anos e un mes após o asasinato de Amador e Daniel, a Xunta de Galicia vén de rexeitar a concesión da Medalla de ouro de Galiza. Unha xostregada máis á clase obreira e ao Ferrol de Ferro que cantaba Ferrín. O alcalde de Ferrol, tamén do PP, tivo a afouteza de facerlles unha ofrenda floral perante a estatua que os lembra o pasado día da Clase Obreira Galega. Dúas rosas no Ferrol de ferro murchas, disque para evitar o rancor. Aurelio Núñez, portavoz do PP e bisneto dun condenado a morte por defender a República, disque.

Matino e matino e non atopo a relación entre a lembranza e o rancor. Entre a xustiza e a violencia. Máis ben coido que o esquecemento é unha demencia senil que che desposúe do teu ser. Non é posibel esquecer a dous obreiros de Bazán asasinados por unha dictadura. O seu delito foi loitar polos dereitos democráticos que tanto cacarexaron os que lle negan a medalla no funeral de Suárez.

¡Boas noites!, dicíanlle as pantasmas que espertan cando canta a curuxa. Elsinor é somentes unha niñada de esperteiros e curuxas, sentenciaba Cunqueiro no Incerto Señor don Hamlet. Símbolo de rancia nobreza e antigüidade, como ben nos enxergan Xesús Domínguez e Ana Fachal nun fermoso estudo sobre a fauna en Cunqueiro.

Curiosa coincidencia ou casualidade taoísta? Polas engaioladoras terras de San Sadurniño acaban de ceibar a dúas curuxas desafiuzadas por mor da restauración do Pazo da Condesa. Unha preñez de nove meses tiveron que agardar estes paxaros da morte para voltar á súa moradía. Pode que elas boten en falla a ruína, as arañeiras, as malas herbas que o esquecemento tiña cultivado na pedra. Mais a vella Atenea, nouturnia e pantasmal, a dona da noite que co laio estarrecedor pon medos na afouteza encherá novamente as noites sadurniñas trisquelando misterios inmorredoiros.

Robert Graves, o fillo adoptivo de Menorca, cóntanos que os pelasgos, en Atenas, practicaban a cacería anual da curuxa. Disque existiu incluso un clan da curuxa! Os iniciados, disfrazados de curuxas realizaban unha cerimonia para atrapar á súa ave totémica.

Seica tiñan o tabú de non pronunciar verbas que lembraran aos mortos, maiormente se eran da parentela, incluso se morreran de morte natural. Amador e Daniel non tiveron esa sorte.

Agora, no meu lecer, maxino a noite sadurniña e ferrolterrá enchida de laios estarrecedores de curuxas e aos galegos bos e xenerosos de Pondal dados a oulear, noitaregos, chamando a embarcar na buceta para facer a viaxe infernal cara a illa da eterna mocidade onde a sabiduría habita, como propiedade que é dos mortos, no Alén, onde nos ollan, entre a céltica brétema, Amador e Daniel, coa fouce esquencida do poeta da Raza.