En 1960 Otero Pedrayo escribiu a súa derradeira novela, "O señorito da Reboraina´´, baseada na vida dun veciño da parroquia de Reboreda-Redondela, o fidalgo don Xoán Manuel Pereira de Castro (Reboreda, 24/05/1820 - Ourense 15/04/1896). Un revolucionario liberal e progresista da Galicia do século XIX, un singular personaxe que dá orixe á documentada novela de humor e aventuras que parodia o mundo da fidalguía. "O señorito da Reboraina" é unha recreación literaria e novelesca de don Xoán Manuel Pereira, señor de Reboreda: conspirador liberal, varias veces encarcerado, e outras tantas fuxido, exiliado en Portugal e Inglaterra, gobernador de Pontevedra, deputado en cortes, embaixador de España na China, enxeñoso e aventureiro, extravagante e sedutor, mullereiro e polígamo, dilapidador da fortuna familiar ás mans cheas, autor de panfletos e proclamas revolucionarias e encarnación dun dos arquetipos do heroe romántico. Grazas a este libro esta parroquia de Redondela está na literatura universal.

Don "Manueliño", en palabras de don Ramón, tiña unha grande amizade con don Emilio Castelar, presidente da primeira República. Don Manuel, dende case mozo, admiraba en don Emilio Castelar o bo apetito e o gusto "barroquizante" nos xantares. En Madrid tiñan "laponeado" moitas veces xuntos, máis en pousadas dos barrios baixos que nos hoteis. En 1878 don Xoán convidou a don Emilio a xantar na "Reboraina". Un carruaxe con seis cabalos foi agardar a don Emilio á estación do tren, que xa viñera acompañado por tiradas de foguetes ao seu paso nos últimos quilómetros de traxecto. Durante tres días houbera festa no pazo e en toda a parroquia. Na derradeira xornada, xantaron baixo o Carballo das Cen Pólas, eles e tódolos convidados: luras con améndoas, a peixota ao xeito mariñeiro, empanada e flans tremedoiros. Os viños: Rosal e Ribeiro. No discurso pronunciado baixo o Carballo das Cen Pólas por don Emilio, entre outras cousas dixo: "...Dende moitas cadeiras teño falado, ás veces coa ameaza do fusil contra o meu peito, pero ningunha de tal xeito grata ao meu corazón e sentimento coma esta, sufincada nas raíces mantidas do voso chan, ergueita entre o ceo e a terra coma o home". Tremeron os cumes das árbores co furacán dos aplausos, as bágoas dos vellos labregos laiábanse caendo nas cuncas do viño.

Nestes días pasados de primavera, estivemos fotografando lugares e elementos da nosa arquitectura popular da parroquia. Nun deles, no cristo de abaixo, non encontramos ningunha inscrición de autoría nin data de construción, polo que decidimos preguntarlle ao cura, don Carlos Rodríguez Álvarez, persoa ben querida na parroquia, preocupado polas cousas divinas pero tamén polas humanas. Foi tal a sorpresa da información, que nos animou a escribir esta carta, por dúas razóns: por facer público que quen o mandou construír foi don Xoán Manuel Pereira e porque no seu contorno poderían estar soterrados os seus restos por decisión propia segundo consta no seu testamento. O día 15 deste mes de abril cumpriranse 115 anos. Non estaría mal que a Sociedade Cultural da parroquia e a Concellería de Cultura do Concello de Redondela, quen xa no ano 1996 colocara una placa na casa onde nacera, ben preto deste cristo, se preocupasen deste asunto.

Parécenos sorprendente que o lugar de enterramento dun personaxe tan relevante non conte con ningunha referencia, pero isto xa será cousa de estudo por parte de especialistas. Don Xoán Manuel Pereira deixou disposto que, se chegado o momento do seu falecemento non puidese ser enterrado fronte a porta traveseira, porta norte, da igrexa de Reboreda, ao lado da súa irmá Rita Pereira de Castro e do seu cuñado Pedro Couñago (e polo que se sabe, non foi posible por falta de espazo) quere que o enterren a carón do cristo de abaixo.

O cristo de abaixo é un cruceiro que se ergue sobre dúas gradas e unha pequena base. A cruz amosa polo anverso un Cristo e polo reverso a figura dunha piedade sobre unha peaña. Vénme agora á memoria o bárbaro que sería, en calquera dos casos, a idea dos que pretendían, hai uns anos, desterrar este espazo para construír unha rotonda.

Cremos oportuno suxerirlle a quen corresponda, a necesidade de verificar estes datos sobre o seu soterramento coa finalidade de podermos esclarecer este feito de connotacións importantes para a nosa historia e memoria.