En tódalas disciplinas científicas existen nomes propios, referentes indiscutibles cuxa contribución ben merece respecto e admiración. Mais cando un convértese en nome propio, cando consegue labrarse unha traxectoria e un recoñecemento, aínda que sexa cinguido aos colegas de profesión, corre o risco de darlle un valor excesivo, de deixar medrar baixo os pés un pedestal imaxinario; isto é, de converterse nun cretino. E logo están os outros, os que son bos no seu e son bos e xenerosos de seu, sen máis. Charles J. Fillmore foi un nome propio no ámbito das ciencias da linguaxe. A súa contribución á Lingüística en xeral e á Semántica en particular está fora de toda dúbida. É a noticia do seu recente pasamento a que me empurra a escribirlle estas liñas: sen apenas coñecelo, quero pensar que foi dos bos e xenerosos.

Poñamos que foi por xuño do ano 2008. Os proxectos de investigación aínda recibían financiación e iso valeume unha curta estadía en Bergen co gallo da asistencia a un curso sobre Gramática de Construcións. Daquela, eu estaba a traballar na miña tese doutoral e sufría os agobios endémicos do doutorando que farta de ler e apenas escribe. Entre o feixe de papeis que levaba sempre comigo contábanse varios artigos do profesor Charles J. Fillmore, convidado de honor no seminario que alí se organizaba.

Aquela semana en Noruega fora inusualmente calurosa, pero o que me golpeaba con forza na caluga era o atoamento abafante dun capítulo da tese inconcluso ao que non lle deixaba de dar voltas. Viaxaba coa esperanza de que aquel curso espertase as miñas musas dun prolongado letargo, pero as clases íanse sucedendo e o cursor do meu computador ficaba impertérrito no mesmo punto e seguido. Coido que foi ao terceiro día cando, aproveitando un receso entre conferencias, reunín os folgos necesarios para me achegar ao profesor. Convideille a un café, interrumpindo así unha tertulia con outros lingüistas de sona sobre un asunto que non lembro pero que, abofé, habería de ser moito máis interesante có tema de investigación dun doutorando desnortado. El aceptou de boa gana.

Seis días máis tarde xa conseguira esquecer todo o que nos explicaran naquel curso. Seis anos máis tarde aínda lembro con agrado a breve conversa co profesor Charles J. Fillmore: puxémoslle o punto e final a aquel maldito capítulo.