Quero expoñer a miña opinión ó respecto das informacións publicadas nestes últimos días na prensa sobre a situación que se está vivindo na Favec e que afecta ó movemento veciñal. Ó meu entender, a función das entidades que compoñen este movemento é canalizar o deber da sociedade civil de participar na vida pública, implicarse nos problemas diarios da xente e facer unha función fiscalizadora do poder, sexa local ou estatal.

Polo que se ten publicado, nestes últimos anos non foi esa a función que desempeñou a Favec, e por extensión o resto das entidades que a compoñen, senón unha mera administración de cartos públicos, xestión de contratación de persoal, non sempre transparente, segundo se publica. Na miña opinión, o movemento veciñal ten que facer a súa labor lixeiro de equipaxe para non ter o risco de depender en exceso das administracións ás que debe fiscalizar, porque senón ese deber podería verse comprometido, por non falar do partidismo que moitas veces se dá nestas institucións e que intoxica os fins que deben perseguir. Temos nestes últimos anos, debido sobre todo á crise económica que padecemos, e ós políticos inservibles que nos gobernan, exemplos de como debe actuar a sociedade civil e o movemento que a representa, en este caso falo da Favec. Máis Gamonal, loita antidesahucios, denuncia contra as preferentes, máis desobediencia civil ante as leis inxustas e, en definitiva, máis saír á rúa a loitar polos problemas da xente, e menos manexos en despachos de cartos públicos, porque esta xente, o final, polo que parece, nin ten capacidade para facelo, nin valora se os cartos que esta gastando son unha inversión ou un despilfarro.