Lembro agora, vai ti saber por que, aquela escandalosa declaración de ignorancia do que fora conselleiro de Cultura do PP, Pérez Varela, cando ao se referir á coñecida ópera "Carmina Burana", nun arrouto galeguista, inimaxinabel nel, dixera aquelo de "Carmiña Burana" .Ese ñ, alfándega entre reintegracionistas lusistas e non partidarios, ecoara nunha gargallada universal. E que ten que ver todo isto coa sumisión da Igrexa católica? Pois moito. Porque cóntanos Michel Onfray, un escritor que non venden nas grandes superficies, no seu libro O cristianismo hedonista, que, no Medioevo, "Carmina Burana" era o título baixo o cal se axuntaban as cancións dos Goliardos. E vós diredes, Goli... qué. Porque, coma min, estudachedes nunha escola que censura calquera fírgoa de pracer, lecer ou insumisión. Mais nestes tempos tan revoltos, parellos ao paso da Alta á Baixa Idade Media, é convinte exercer a insumisión ao Poder como forma de escravitude. E os Goliardos eran os insumisos de entón. Cantantes de baiuca, poetas e saltanocribo, epicúreos namorados, satíricos que non gostaban ren nin dos poderosos nin do clero nin da política ao abuso, nin tampouco dos monxes. Eis porque debemos militar na memoria colectiva, na lembranza, escudrumar na historia que nos negan, na socioloxía, na antropoloxía, na pedagoxía social... de costas, por supostos ao mercantilismo do Plan Bolonia.

É de salientar que o Cristianismo era a relixión dos escravos, das comunidades que exercían o comunalismo, un comunismo sen Estado, nas catacumbas, na clandestinidade do Poder Romano. O antropólogo Marvin Harris suliña que na Roma do Imperio só crucificaban aos criminais políticos. E Cristo era un rebelde, un insumiso que predicaba a igualdade e a fraternidade entre todos os homes sen discriminación de raza ou sexo. Era un nacionalista palestino que loitaba contra a sumisión da súa nazón ao poder do Imperio. Por iso foi crucificado. Ese foi o seu pecado e a cruz a súa redención.

Aínda Constantino non viñera a se apropiar da relixión do pobo e por iso o voto de pobreza era de lei, e aínda non se inventaran os intermediarios curiais. Aínda a muller non fora botada da nao e desfigurada en virxe marxinal. Aínda non existían os cilicios, o celibato, o limbo nin o inferno. Aínda Cristo non era dono das súas vestiduras! Mais o casamento da Igrexa co Estado fixo da sumisión a lei. E o corpo pasou de selo templo ou nao a mudar en o verbo que habitou entre nós coma un veleno de cóbrega con feitío de muller en pomareira. O pracer e o lecer improductivo para o amo coma a antípoda do traballo escravo e sumiso. Do corpo amalloado no matrimonio eclesiástico, onde a muller é propiedade e medio de transmisión da herdanza. Lillit e Eva, a muller privada fronte á muller público. A muller como obxecto de consumo. O dereito de pernada, a prostitución, o repudio, o escarnio, a inferioridade de xénero... o mito da muller maceta, da muller pedestal, da muller feble, da muller inmaculada, da muller maternal, da muller sumisa ao patriarca fronte ao mito da muller independente, guerreira, forte, maculada, erótica, da muller insumisa.

Debemos recuperar aquela filosofía hedonista medieval onde o pracer era sagrado. Onde trebellar era máis importante ca traballar. Onde o sexo non era productivo. Recuperar o cristianismo anterior ao Paulismo, esa neurose de San Paulo, esa furia persecutoria de xenreira ás mulleres, á carne, ás paixóns ceibes e aos praceres e leceres, ese odio á ciencia é á intelixencia non sumisa máis ca procura da verdade sen medir as consecuencias.

Convido dende aquí aos cristiáns, e eu non o son, á achegarse ás súas raigames. A recoller o legado prepaulino moito máis afín ao pensamento en liberdade, ao criterio fundamentado, á tolerancia das orixes, á filosofía pagana, á épectese de Gregorio de Nisa, de Valentín o pneumático, dos ofitas adoradores da serpenta e cicais sodomitas, a Carpócrates e Epifanio, os disolutos conceptuais, a Basilio o libertino, a Simón, o filósofo itinerante, aos fibonitas, numerólogos do sexo, ao cínicos indiferentes, aos Irmáns e Irmás do Espírito Libre, aos gnósticos encráticos e licenciosos que predicaban unha Sofía lasciva e a Simón de Samaria que no século I despois de Cristo convidaba a poñer en común todo o que se posúe nunha especie de comunalismo integral. Simón que defendía o xogo erótico e o libre curso dos desexos. Simón o Mago que inaugura unha filosofía alternativa onde defende o relativismo, o desexo resolto en pracer, o corpo como amigo e a arbitrariedade da moral que se trata de impoñer.