Escoito polas ondas da radio unha cuña publicitaria da Xunta de Galicia: "Paisaxe galega, unha tarefa de todos. A Galicia do futuro depende de min. A Galicia do futuro depende de nós". E eu quedo dubidando: A Galicia do futuro ou a Galicia do Cianuro?. Logo a Dirección Xeral de Minas da Xunta dá unha pista: Galicia é unha mina. Si, unha mina para as multinacionais que tralo artello da crise veñen á ganga da nosa Terra. A Xunta ao servizo do capital estranxeiro! A nós deixaránnos catro postos de traballo con data de caducidade e toneladas e toneladas de cianuro e arsénico cos cancros e doenzas asociados. Moreas de refugallos nas zonas mellor conservadas. Leo informacións de varios axentes expertos. Hai hoxe 520 explotacións mineiras, pouco respectuosas coa lexislación do patrimonio ambiental. Como non lles chega, ameazan con traer máis minas: unha de ouro a ceo aberto, en Corcoesto, no Monte Branco de Pondal, de capital canadiense. Goldquest, tamén canadiense quere explotar ouro, prata e chumbo na reserva da biosfera da Fonsagrada (río Eo- Oscos-Besón e Terras do Miño). Unha multinacional Surafricana fai prospeccións para unha mina de coltan na Serra do Galiñeiro. En China unha semellante envelenou con toxinas auga, cultivos e habitantes. No entorno do Parque Natural das Fragas do Eume, a 50 metros unha mina de andalucita. Lembran o lume que segundo a Xunta non foi provocado?. Non contenta con esta barbarie a Xunta abre a veda a dez solicitudes máis de estaño e wolframio. E segue a publicidade oficial: "Paisaxe galega, unha tarefa de todos". Dende logo por iso este domingo, 2 de xuño, imos a nos manifestar en Compostela para que non arrasen Galicia, para parar entre todos a megaminería contaminante.

Hai unha fábula chinesa: "Chorando a morte dunha nai, que di: A nai dun home morreu, mais o pranto do fillo non soaba triste. Cando o fillo doutra nai viuno, díxolle á nai: ¿Por que non morre axiña, nai?, prométolle chorala moito. Será difícil que un home que desexa a morte de súa nai poida chorala!".