Andan por Galiza uns seres que se din bilingües harmoniosos. Preséntanse como equis (equidistantes, equivalentes, equilibrados). Adoitan, nembargantes, falar e escribir sempre en castelán e endexamais os veredes na defensa da lingua propia da Galiza, que, por suposto, para eles, non é o galego. Endexamais reparan na nosa historia, nin se decatan de que o galego segue a ser o servo do castelán. Cando collen un xornal nunha cafetería non botan de menos ler en galego. Cando ven Zara Home, non se abraian de que o inglés sexa a lingua do galego máis coñecido do planeta. Tampouco cren que sexa normal que os nenos se eduquen en galego e aprendan tamén o castelán e o inglés. Eles son harmoniosos. E a min tanta harmonía nun país diglósico, onde se pides unha macela nun bar póñenche cara de pasmo ata que dis manzanilla, dáme que cismar. Nós, os galeguistas, si que somos bilingües, á forza! Porque ao apropiarmonos da lingua galega, a propia do país, vémonos na obriga de traducir ao castelán a cotío para facermonos comprender por xentes disque galegas tamén, iso si, moi harmónicas! Harmonio: pequeno órgano portátil, de palletas libres; o seu fol móvese mediante un pedal accionado cos pés. De palletas libres? Cos pés polas pancadas que nos daban ao poñérmonos o anel da vergoña. Para min que os harmoniosos somos nós, os galegos que exercemos de galego falando a nosa lingua e facendo por mellorala. Se sobrevive o galego será por nós, os que educados no castelán do imperio esforzámonos por avivalo. Aínda que ao noso presidente da RAG parézalle que o abafamos. Malia que non vexa outros abafos! Esta carta vai en resposta dun artigo de Ernesto Vale Carballés: Despolitizar a lingua. Bueno, en castelán. Porque os harmónicos nunca escriben en galego. Segundo el, Alonso Montero deu a coñecer o galego alén as nosas alfándegas. Non sei para qué, para gardalo nun museo? Di que o galego é un ben cultural de todos e non só duns poucos. Dígolle como Callón que o convido a que el e todos eses galegos harmónicos se apropien da lingua. Quen nos dera aos nacionalistas! Por suposto que o galego é a nosa identidade. Non é que o galego sexa patrimonio da esquerda nacionalista. Mais parece que grazas a ela e máis ao pobo que o fala somos galegos no mundo, nonsi? Porque se pola dereita fora, non falaban en galego nin no Courel dos tesos cumes que se ollan de lonxe! Despolitizar a lingua é imposibel. Calquera lingua é social e por iso, política. E nunha patria sen Estado, falar galego ou castelán, queirámolo ou non, é un posicionamento político. Nacionalistas sómolo tanto os que temos por patria á nazón de Breogán coma os que teñen á nazón do Cid Campeador! E todos queremos a liberdade para a nosa patria. O único que nos diferencia é a qué patria amamos e o respecto polas demais patrias. Cousa que os nacionalistas españois non toleran! Só aceptamos a libre escolla de axuntamento con outras patrias se nos deixan libres de escolla.Mentras haxa imposición castelán seguiremos na loita pola supervivencia do galego!

Por moitas campañas que orquestredes, nós seguiremos na loita pola nosa lingua, única propia de Galiza, anque por historia aprendamos o castelán. Como teriamos de aprender o portugués, país máis achegado a nós culturalmente anque a historia nos teña tan afastados! Patria a Nosa!