Como todos os anos, e este non ía a ser unha excepción, quero volver a recalcar a necesidade que a Illa de Ons ten, como parte integrante do único Parque Nacional de Galicia, de un servizo de primeiros auxilios permanente durante a época estival que vai dende o mes de xuño ata setembro.

Estamos á espera do que ocorra co camping ou coa zona de acampada. Coidamos que o camping non vai ser posible este verán por mor da lentitude coa que a administración actuou para a súa adxudicación e, polo outro lado, non sabemos se van a decidir abrir, como anos anteriores, a zona de acampada. Tamén sería interesante coñecer se os campamentos que a Xunta organiza en Ons, a onde acoden por quendas de 15 días nenos e nenas de entre 9 e 15 anos, vai a ter un persoal médico propio ou non.

De todos os xeitos, a Ons acoden unhas 1000 persoas a pasar o día, o camping ou acampada ten un máximo de 200 persoas e aos campamentos acoden entre 80 e 150 rapaces. A isto hai que engadir os veciños, que na etapa estival poden superar os 300, os visitantes que pernoctan nas diferentes casas illáns, o persoal de Parques, os de mantemento, os empregados dos distintos negocios e os de incendios. Aproximadamente unhas 1.500 persoas diarias, que poden quedar polas noites en 700, que necesitan un servizo médico polo que poda ocorrer. Ter en conta que estamos nunha illa e é moi difícil o traslado a un centro sanitario.

Estes anos, supoño que costeado por Parques, houbo un retén da Cruz Vermella cunha ATS e un socorrista. Temos que dicir que o servizo prestado é fantástico pero, sempre hai un pero, só están de 11.00, chegada do primeiro barco, ás 20.00 horas, saída do último barco. Coido que ese servizo é moi bo pero debería ser permanente pois en Ons, aqueles que coma min levamos anos pasando as nosas vacacións, sabemos que as peores urxencias ocorreron pola noite.

Sabemos os enormes recortes que temos e, se ocorre un accidente en Ons pola noite e se se necesita mobilizar algún medio aéreo ou marítimo, non o van realizar se non hai unha seguridade de que é verdadeiramente necesario. Quen vai a avaliar a gravidade dun accidentado se ocorre pola noite? De non ser grave o problema e acode, por exemplo o helicóptero, van a facer costear o mobilización á persoa que chamou? Poderíamos seguir facendo moitas preguntas, pero o único importante é que se necesita un retén nocturno de primeiros auxilios. Se se costea un retén de incendios, por que non un médico permanente? Polo custo dunha hora de helicóptero se pode manter un médico ou ATS permanente en Ons durante un mes.