Ante guerras, masacres, secuestros e outras cousas incomprensibles que facemos os humanos, ficamos en xeral sorprendidos e confusos. Se retrocedemos ata os comezos biográficos dos sospeitosos ou acusados de tales accións, a sorpresa seguramente se agrandará. Que lle pasou a ese neno risoño no colo da súa nai para que logo decida colocar unha mochila con bomba nunha rúa? Sociólogos, psicólogos, antropólogos, filósofos ou expertos policiais ofrecérannos sabiamente as súas opinións. Tamén os mesmos sospeitosos ou imputados. O interior de nós mesmos é nos, porén, en derradeira instancia abondo descoñecido ou misterioso.

Os gobernos das nacións gastan inxentes sumas de diñeiro en dotar de bos profesionais, avogados, xuíces, corpos policiais, cárceres e outras institucións para previr ou castigar eses actos. Mais sabemos que o ser humano non nace feito, senón que se vai facendo a sí mesmo en contacto e sutís relacións con todo o que o arrodea, persoas e cousas, en busca permanente de benestar e felicidade tanto para si mesmo como para os que con el se relacionan. De non acadarmos isto nunha medida suficiente, podemos chegar a convertérmonos en perigosas bombas ambulantes contra os que consideramos, con razón ou sen ela, causantes do noso infortunio vital. Se as cousas son así, non parece estar nada claro que os afectados por tal infortunio sexan en definitiva os verdadeiros responsables das súas propias e nefastas accións. Se a sociedade, os países, os grupos humanos non saben intuír con claridade a verdadeira orixe das mesmas, estarán sempre en perigo de vérense afectados por elas.

Mentres non se respecten de verdade os inalienables dereitos ó propio desenvolvemento xeral humano, cultural, relixioso, lingüístico, etc. das persoas e dos grupos, as ameazas dos afectados por eses e outros modos de discriminación subsistirán. Non sería, pois, máis rendible para os países que os seus gobernos invertesen moitos máis recursos en erradicar a pobreza e toda clase de discriminación social que en manter custosas institucións ó servizo da contención e represión desas persoas chamadas asociais? Precisamos máis educadores, psicólogos ou filósofos que corpos policiais ou grandes técnicos, sen que destes tampouco se poida prescindir. En fin, iríanos seguramente mellor se buscásemos decididamente, como hai catro décadas propuxera xa o rei de Bután, máis "felicidade nacional bruta" ca altos índices de "produto interior bruto".