A nova Lei de Costas, de costas ao futuro

17.05.2013 | 09:27

Hai no medio do mar un devastado país, que dicía Dante. Releo "Galicia, Galicia" de Manuel Rivas, o Feo-Popismo. O ordenamento urbano, é dicir, o desorde establecido que rexe en Galicia atribúese aos instintos populares. En realidade é un traxe á medida das élites que fan e desfán ó seu gusto, usando o nome do pobo como unha tapadeira. As leis de urbanismo e medio ambiente son usadas como papel hixiénico. O que se está a facer co noso territorio, coa nosa paisaxe, coa nosa casa Galicia, é unha mestura de estupro e parricidio. E Beiras xa publicaba en 1986 un artigo titulado "As terras ociosas e a lei..." do máis forte. Trátase, dicía, de forzar a venda das terras non "aproveitadas" agrícola, gandeira e forestalmente para que os caciques e poderosos mercaran barato e se forraran.
Hoxe eses poderosos, abusando da súa maioría absoluta, veñen de aprobar unha Lei de Costas que alenta a piratería en toda a beiramar. Era unha promesa electoral! Incluso diante da crise do tixolo e a burbulla inmobiliaria que nos trouxo a onde estamos, xa dende o aznarismo. Boa nova para os que teñen propiedades fóra da legalidade, confesou o alcalde polo PP de Malpica, nestes tempos de desvergoña e destape ético. Hai unha paraxe máis fermosa cun urbanismo máis arrepiante ca Malpica? Eu maxino que os romeiros fisterráns saen de Bergantiños cos ollos bulleiros do abraio de tanto feísmo! Malpica é o exemplo do que un poder corrupto e un pobo inculto ou asoballado pode facer cun paraíso natural.Carta branca á deturpación definitiva do litoral! Claro que estando Arias Cañete de ministro de Medio Ambiente a dicir que esta Lei de Costas é garante da conservación do litoral...! Está claro que se ducha en frío para aforrar auga para os campos de golf. Eu poñería a servidume de pro- tección non a vinte metros senón a cero. Ou mellor en negativo, por qué non edificar palafitos no medio do mar e das ínsuas? E setenta e cinco anos é unha miudalla para as concesións en dominio público. Eu delongaríaas ata os setenta e cinco lustros, para asegurar a riqueza dos descendentes das élites ata a vixésima xeración. Escribía o Patriarca en O elemento animal na paisaxe: A sonoridade vital enche desde a primavera ao outono a paisaxe: cantar do moucho, do reiseñol, do sapo, vibración dos élitros, croar das rans. A sonoridade animal enche moitas paisaxes. Fixándose e ficando calados un intre, aínda no mediodía baixo o silenzo do sol, sempre se ouve un zunido animal. Cantos galegos podemos gozar hoxe desta paisaxe sonora? Ou como cantigaba Lorenzo Varela: do silvo da fouce siseando na calma do solpor! Otero Pedraio falaba da memoria das paisaxes! Non é ben triste que se voltasen nosos pais mortos hai unha década, non recoñecerían nin á terra que os pariu? A paisaxe, de valor esencial non somentes para a interpretación xeográfica senón para a psicoloxía das culturas. Para Otero, a conciencia galega está na paisaxe que é o pasado no presente. Destruir a paisaxe é destruirnos a nós mesmos. É unha forma de suicidio colectivo.De autoodio. Por iso, no tellado do Parlamento español tiñamos que estar todos os galegos protestando, como Greenpeace, contra esta bárbara lei!

S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine