A unha boa parte dos modos de facer política a que neste país estamos sufridamente acostumados viríalles ben ollarse un chisco no espello do Francisco de Roma, que dende a propia sinxeleza de vida pretende facer real unha igrexa pobre e ó servizo dos pobres.

Pola contra, habituada como está a clase política ó envexable estatus económico que o seu cargo lles confire, resúltalle pouco doado entender as concretas situacións degradantes polas que teñen que pasar moitas persoas por mor da persistente crise.

Dende hai xa algún tempo sabemos do aumento de persoas e familias que acoden ós servizos sociais para iren sobrevivindo. Bátennos tamén na alma as noticias de suicidios por desafiuzamentos e problemas semellantes. Desde logo, éncheme de abraio ler nalgún sitio que os que tales cousas fan coas súas vidas non son máis ca uns covardes. Gustaríame (e non por sadismo) poder observar qué farían os valentes formuladores desta teoría se eles se atopasen en semellantes situacións. E non quero xa falar desa especie de suicidio silencioso que vén sendo para un país o descenso permanente da natalidade, consecuencia en boa parte da difícil situación pola que estamos a atravesar.

Que, por outro lado, os escraches lles molesten ós políticos que neste momento teñen o encargo legal de ocuparse dos problemas da xente, ou que no parlamento galego sexan mal vistos pola maioría gobernante a presenza e o directo testemuño dos que teñen que aturar tan difíciles situacións, todo isto só se pode explicar desde unha visión sacral e elitista que sobre si mesmos teñen os que exercen o oficio de lexislar e gobernar. Actitude sacral que, de feito, o mesmo novo papa intenta desmitificar no seo da Igrexa con xestos moi significativos, aínda que sexa para escándalo dos que se cren máis entendidos ca el nestes temas.

Porque se para algo están os políticos é xustamente para resolver os problemas da xente, non para estárense cómodos e tranquilos nos seus escanos e instaren ós intrusos a que calen e deixen de queixarse. Sobre todo cando, ademais, tantas promesas electorais se transfiguran como por arte de maxia unha vez que se acada ter a tixola do mando polo mango e tantas informacións están aí, por outra banda, á vista de todos sobre a corrupción política.

Non é por iso nada estraño que máis dun chegue a pensar, aínda que sexa utopicamente, que deberían dimitir os gobernantes e que os cartos aforrados con iso fosen directamente ó peto dos que verdadeiramente os precisan.