Vigo, A Coruña, Madrid, Valencia, Nova York... son cidades que contan cunha zona nomeada "a milla de ouro", unha "exquisita" e luxosa parte da cidade onde se encontran as mellores e máis prestixiosas tendas que ofrecen aos seus clientes e á cidadanía as mellores e máis prestixiosas marcas e produtos. En Redondela non queriamos ser menos, por iso en tempos do reinado de "Xaime Primeiro" e "Josefa de Saxonia" gastamos case un millón de euros para que a Vila dos Viadutos tivese a súa "milla de ouro", un tramo da rúa principal da vila entre os viadutos do Porriño e o de Pontevedra, que aos nosos exmonarcas lles gustaría que se convertese en algo parecido, non á rúa do Príncipe, Policarpo Sanz ou García Barbón de Vigo, non; o que lles gustaría, polo menos á dona do rei, sería que se parecese á rúa Serrano de Madrid, á chamada "milla de ouro" daquela cidade.

Así as cousas, comezamos as obras. O primeiro foi encargarlle o proxecto a un arquitecto tan arquitecto coma o que deseñou o paseo da praia de Cesantes: moito cemento, moita baldosa, moitas farolas, moitas árbores (impropias do lugar, hoxe teñen unha boa parte do paseo rebentado polo crecemento das raíces, o que propicia accidentes para as persoas con dificultade de movementos) para terminar todo nun caos e nun disparate polo sen sentido da ordenación do espazo.

Si, case o mesmiño que o que se fixo tamén nas rúas José Regojo, Afonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín: a nosa "milla de ouro". Un bo exemplo, por moito que digan os seus promotores, do que non se debe de facer (antes tiñamos o funil de Vilavella e agora é toda Redondela un funil). No tramo das tres últimas rúas, de dirección única, construíronse unhas beirarrúas entre tres e medio e cinco metros de ancho, para logo enchelas de obstáculos de todo tipo: enormes xardineiras (as de Afonso XII xa tiveron que retiralas e as demais xa as reconstruíron ducias de veces), bolardos, papeleiras, contedores do lixo, sinais de tráfico e das outras, farolas e árbores, moitas árbores, (incluídas as palmeiras, que non podían faltar) en Afonso XII que transcorre paralela aos xardíns da vila, mesmo llas plantaron case debaixo das da Alameda; todo o mobiliario e demais cousas, ciscadas sen orde nin sentido (véxanse os contedores do lixo) e preguntémonos por que na parte máis ancha (Afonso XII e X. Rubín) non se deixaron espazos de carga e descarga de mercadorías ou onde colocar os colectores do lixo de forma ordenada (un carril de servizos?). E preguntémonos tamén, por que agora os vehículos de servizos (policía, ambulancias, mercadorías, taxis...), incluídos os do Concello, teñen que aparcar por riba das beirarrúas.

Co fácil que sería ir a Vigo e ver como teñen ordenadas as rúas de dirección única, algunhas máis estreitas das que aquí falamos.

Se fose posible, gustaríame ofrecer para as próximas eleccións municipais (non sería o único) o meu voto ao partido que levase no seu programa poñer orde neste desatino que tantos problemas nos causa diariamente aos redondeláns e aos que nos visitan por razóns de traballo e servizos.

Por certo, Josefa de Saxonia foi unha muller moi devota e afeccionada á poesía.