Hai uns días recibimos a nova de que a Deputación de Pontevedra vai realizar un Plan de Actuación Arqueolóxica en diversos castros da provincia, co fin de evitar o seu deterioro e sinalizar estes elementos arqueolóxicos.

Á vez, tamén soubemos que o equipo da arqueóloga Paula Ballesteros entregou un Estudo Arqueolóxico do Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde catalogan todos os xacementos dentro dunha pros- pección superficial e no que falan da súa vulnerabilidade.

Como xa teño explicado en infinidade de ocasións, a Illa de Ons ten un enorme potencial histórico-etnográfico-arqueolóxico, que está sen traballar e descubrir. Dende Parques deberían fomentar, non só a súa catalogación, á que considero unha bola de fume querendo demostrar con iso que non só se preocupan da parte ecolóxica e medioambiental, senón un estudo profundo previo, a súa excavación e posterior posta en valor.

Ons é a única illa do Parque que conta cunha comunidade humana que tivo, e aínda ten, unha enorme importancia dentro do eido socio-histórico-etnográfico. A primeira catalogación arqueolóxica a fixeron D. Filguiera Valverde e García Alén e case ata que no ano 2010 Paula Ballesteros, por encargo de Parques, fai outro inventario, ninguén de Patrimonio nin da Consellería de Cultura preocupouse pola historia e arqueoloxía de Ons.

Dende o ano 1979 en Ons realízanse Campamentos de verán e, ata hai poucos anos, tamén había Campos de Traballo que en quendas de 15 días realizaban actuacións medioambientais. Dende o Parque podería aproveitarse estas instalacións e de novo recuperar esa fantástica faceta que realizaban os Campos de Traballo en Ons e dirixilas cara ao campo histórico, etnográfico e, posteriormente, ao arqueolóxico. Só hai que poñer ganas e unha mínima capacidade de traballo, onde un técnico cultural de Parques leve o cometido de entrevistarse e programar cos organismos competentes neste eido (Cultura, Patrimonio, Universidade, Presidencia, Deputación e Parques) uns Campos de Traballo etnográficos e arqueolóxicos en Ons onde a Universidade de Compostela tivera un importante labor investigador e divulgativo e os outros organismo poñan os técnicos e os medios económicos necesarios para podelo levar a cabo.

Que estudante de Xeografía e Historia non se apuntaría a unha quenda en Ons nun Campo de Traballo para, despois de programado na facultade cos seus profesores, facer algún tipo de estudo ou investigación, nos campos da súa especialidade, nunha Illa virxe en estudos históricos, etnográficos e arqueolóxicos, se van a estar dirixidos por especialistas e o froito do seu traballo vai ser valorado posteriormente durante a súa carreira e no seu currículo?

O Parque Nacional e Ons dentro del, ten un enorme patrimonio, material e inmaterial, que hai que sacar á luz e dalo a coñecer.