Hai mañás nas que espertas raro. Sen saber o por que e sen motivo aparente. Unha mañá de domingo ocorreu iso. Espertei arrepiado. Mais aínda así, deixeime envolver. No xornal, unha dura e ampla reportaxe coas súas respectivas fotografías sobre a crise. Detéñome. De pronto síntome sacudido. Excitado. Perturbado. Violentado. Doído. Que nos empurra nestes tempos a levantarnos da cama? Mesmo a pór o pé fóra da casa? Fágome preguntas, cando o que o sentir me pide é berrar, patear, rebentar todo o que teño preto de min. Incluso provocar ao señor que tranquilamente toma café na mesa a carón de min. Que fas? Teño ganas de preguntarlle. Mírate. Es un desgraciado. Coma min. Como a maioría da maioría. Papá leva moito tempo dicíndome: "Toda a miña a vida me dediquei a traballar, a levantarme á miña hora para conseguir eses cinco pesos para levar á casa, sempre cumprindo e cumpridor, sen máis afán nin fin que ser un home decente de vós, e coa honradez escrita na almofada. Pregúntome que fixen mal para agora ter que pagar eu as miserias de catro malnacidos, en que país vivo que se preocupa máis por eses catro miserables que pola xente honesta, que fixen eu mal, que alguén mo explique, se é capaz, e que o faga mirándome aos ollos". Meu pai é meu pai. E dende esa paixón nada nin ninguén me pode arrebatar toda a razón que ten e lle dou. Toda a rabia prendida do seu mirar cando cada día mira ao seu redor. Meu pai é meu pai. Insisto. Meu pai tamén podería ser o pai de calquera desas familias que coma el confiaron, creron, sacrificaron calquera momento, renunciaron, incluso, imaxinaron e agardaron un país mellor e máis xusto. O mesmo que agora os bota das súas casas e dos seus traballos. O mesmo que agora lles cerra todas as portas e os abandona en nome duns políticos vendidos a un capital cruel, ruín, feroz, bárbaro, desalmado e sanguinario. Meu pai tamén podería ser calquera pai deses moitos pais que, mordéndose o orgullo e a dignidade, saían esta mañá nas fotos do xornal esperando a súa quenda para conseguir algo de comida. E pedindo ademais, un pouco, un pouquiño, só un pouquiño, nada máis, de amparo e abrigo.