Traballo nun centro educativo do concello de Baiona e nestes últimos meses estou escoitando historias económicas moi angustiosas que están afectando ás familias e ós rapaces nas súas necesidades máis básicas (alimentación, vivenda...). Estas situacións dramáticas que criamos hai anos estar lonxe de nós son moi desagradables de escoitar. Creo que podemos mirar cara a outro lado pero seguro que non poden ser agochadas durante moito tempo.

Desde hai uns cantos anos celébrase no municipio no mes de maio unha festa para as persoas maiores, celebración que teñen ben merecida polo seu traballo ao longo da súa vida, e teñen dereito a un día de felicidade conxunta, pero creo que este acto débese suspender este ano porque o diñeiro que se adica ao mesmo necesítase para cubrir outras necesidades máis urxentes que hoxe en día non están sendo satisfeitas. A meirande parte desas persoas maiores seguro que teñen fillos e fillas, netos e netas que están sen traballo ou están cobrando unha pequena axuda familiar, ou tal vez elas mesmas están pasando momentos económicos complicados. Por estas razóns, eles entenderán mellor que ninguén a supresión deste gasto sabendo que se vai investir no benestar básico daqueles veciños e veciñas que o están pasando moi mal.

Espero que o señor alcalde tome en conta esta suxestión porque nestes difíciles momentos trátase de dar máis a quen máis o necesita. Grazas.