O noso corazón é unha furna pequena na que imos metendo retrincos da nosa historia e de cando en vez,unha airexiña entra dentro, remexe e faina xurdir para petarnos na memoria e espertar as lembranzas que tiñamos esquecidas. Unha noticia nun xornal fai que xurdan lembranzas da infancia, ao ler que a asociación Vaipolorío solicita que se lle dea un uso público aos xardíns da Delegación de Sanidade na avenida de Vigo.

Era o triángulo máxico de xogos da nosa nenez, unha fiestra de murmurios recendos e cores donde entre xogos agardabamos polo futuro€ O muiño de Ponte Bolera onde miña nai ía á moenda e ó seu carón atopábase o lavadoiro, o verxel da contorna do río dos Gafos en Campolongo arestora cuberta, e os xardíns de Sanidade o noso bosque dos soños. Eran tempos moi duros e nós eramos moitos irmáns, e para sair adiante meu pai ao igual que moitos outros para sobrevivir, tiña que vender sangue e a nós deixábanos xogar no xardín, unha selva de aventuras entre árbores maxestuosos, no verán escoitabamos o chirlo das andoriñas e o cuco, na primavera había pozas de rás e sapos, gatexabamos polas árbores a descubrir donde aniñaba a merla ou a ponla onde descansaba o ruiseñor. Ao carón pasaba o río entre loureiros e narcisos, camiño de entregarse ao mar nas Corbaceiras, foi nese espazo máxico onde descubrimos os primeiros medos dos que fala Manuel Rivas no seu libro As voces Baixas, ó primeiro medo era de parte da miña nai que nos dicía que na anoitecida no bosque aparecía o lobo e cando as raiolas de sol esmorecían fuxiamos para casa a fume de carozo, o segundo medo ó que eu máis lle temía viña do meu pai, que nos ameazaba con meternos no Reformatorio, agora Tutelar de Menores á carón de Sanidade e que arestora aínda permanece, alí no bosque tremendo de medo escoitabamos de cando en vez no bruar do vento os laios dos rapaces alí internados berrando por sair.

Alí ían os soldados a vacinarse, nós ollabamos como desfilaban e o susto cando algún se mareaba e caía ao chan, tamén nun galpón ao seu carón nun tempo se dispensaba leite en pó e queixo da axuda norteamericana. Xa non está o muiño nin o lavadoiro, soterraron o río e acabouse o verxel, agora os de Vaipolorío fannos cóxegas no corazón e alumean novas esperanzas ao querer recuperar parte da nosa infancia, o xardín de sanidade como espazo público que é o que nos queda do triángulo.

Eiquí estamos na espera, cando é marzo e reverberdecen os Freixos na Praza de Galicia e as mulleres de Campañó apañan as cabazas para a festa en Pontevedra.

PD: na publicación "Pontevedra as árbores da cidade" de Jaime Blanco e Amancio Castro, publicado polo Concello, aparecen os nomes das árbores do xardín da Delegación de Sanidade.