No medio dunha gran polémica con moita bronca por mor da redacción do Plan Xeral de Ordenación Urbana (era o segundo intento, o terceiro está aparcado, sine die, a pesar de ser prometido na última campaña electoral), foi inaugurado o día un de xullo de 1999, o Multiúsos da Xunqueira, en Redondela. No discurso de inauguración, o alcalde naquel momento, Amado Ricón, comparou aquel edificio co Guggenheim de Bilbao. Non tivo seguidores a cousa, era unha boutade.

O de Bilbao foi pensado para museo de arte contemporánea, o de Redondela é o mal resultado dunha reforma do vello Instituto e é outra cousa. O de Bilbao foi deseñado por un arquitecto, Frank Gehry, o de Redondela poñemos en dúbida que sexa a conclusión de ningún estudio arquitectónico. O de Bilbao esta forrado exteriormente con chapas metálicas de titanio, o de Redondela con chapas metálicas das que se usan para cuberta dos galiñeiros e dos garaxes. No de Bilbao non chove dentro, no de Redondela chove a caldeiros. O de Bilbao non se desfai pola humidade, o de Redondela descomponse interiormente porque leva anos chovendo en distintas partes do seu interior... E unha particularidade de moita consideración, cando menos para os responsables políticos, chamémoslle de turismo, e tamén para os outros: o Guggenheim de Bilbao conta con guías en galego, algo que non ocorre no Prado ou o Reina Sofía de Madrid, por poñer só dous exemplos destacados dos que se debería copiar, o exemplo do Guggenheim, se se entende a realidade plurilingüística do estado español recoñecida pola Constitución, ou non? Daquela, pode ser comprensible polo que dicimos que non prendera a idea de Amado Ricón. É dicir, por parecérense os materiais empregados no exterior dos seus muros non era suficiente para a comparación.

Con todo, o Multiúsos da Xunqueira, o noso ´´Guggenheim´´ presta múltipes servizos de tipo cultural e asociativo: auditorio, biblioteca, sala de exposicións, salas de reunións, aulas varias... ademais de ser o recibidor de moitos actos oficiais do propio Concello. Estas funcións con toda seguridade que terá que seguir a cumprilas por moitos anos porque o do auditorio na Marisma seguro que non se inaugurará ata que Xaime Rei volva a ser alcalde.

Non é facil de entender por que este edificio municipal se atopa nas condicións de deterioro e abandono nas que se encontra. E dicimos máis, co rogo de que non se malinterprete, nunca se nos ocorrerá dicir que como nos chove a nós na casa queremos que lle chova tamen aos demais, non, todo o contrario. Se van aparecer preto dun millón de euros para a reforma do campo de fútbol do Choco, por que non ten que aparecer a cantidade suficiente parar prestar o mantemento, arranxar e adecentar este edificio? Cando menos para que non nos chova dentro.

Os servizos públicos, chámense Multiúsos ou Guggenheim, denotan a capacidade e talento dos seus xestores e o nivel de calidade de vida dunha poboación.