Dende que Ferrín sentou na cadeira da presidencia da RAG sentín mágoa de que un dos egrexios da literatura galega e sobre todo aquel revolucionario circio de "Con pólvora e magnolias" fose carnaza dos avutres de sempre. Nestes tempos de antropofaxia galega onde as propias institucións asasinan a cultura e a lingua propias, ver a Ferrín a carón de Feijóo e non nas rúas de Compostela cando as grandes manifestacións pola lingua dábame daquela anoxo e dor. Sentín que perdiamos a Ferrín, sentín que a pólvora mollárase ao sentar na cadeira da Academia. Mais tralo seu posicionamento claro contra o decreto de plurilingüismo do PP (unha bomba atómica contra o pobo galego), aledeime. Coa súa dimisión atristureime, tamén. Mais as súas declaracións de que saía á paisaxe nativa, á rúa, ás organizacións culturais de base a prol da Galiza xunto coa súa afirmación no nacionalismo de esquerda reconcilioume coa intelectualidade ausente nestes tempos de balbordo esquecedoiro.

O criador do fermosísimo "Amor de Artur" inmortalizou todos os corazóns magoados e asoballados: Sentarame ben chorar nesta noite porei irlanda vilanova dos infantes dúas rosas no ferrol de ferro... Veleiquí o poeta irmán, innecesariamente evocado en outono porque hai mil anos que nacemos xuntos na cunca de pedra do noso idioma e convivimos agres... Acesas verbas de loita e de candura que lle adicou ao Manuel María. Verbas de rabiosa actualidade!

Para cando os galegos desleigados voltarán os seus ollos cara dentro e albiscarán o cerne da paisaxe nativa, botarán ao lume ou ao esquezo as verbas feridoras dos Blancos Valdeses, o autoodio vergoñento de quen vende aos devanceiros farfallando a eito en todos os medios de comunicación. Para cando os galegos falaremos a lingua nosa con orgullo? Para cando, os galegos viviremos coma galegos e botaremos das cadeiras do poder aos lambóns da nosa Terra, das Academias, dos Institutos dos Gobernos... cando usan o poder que lles emprestamos para negarnos, enmudecernos, manipularnos e matarnos? Algúns din que non nos matan, só nos deixan morrer. Eutanasia pasiva. Rachemos o noso silenzo cómplice e esteamos, como cantiga o Ferrín de Ferro: nos que combaten e han de se-lo lóstrego achaiador, neles poño a miña lingua e descanso os meus ollos e reclamo a libertade pró meu pobo, e reclamo a libertade pró meu pobo.