Como quen di, xa ven polo camiño a Semana Santa e, segundo o tempo que faga, un bo número de persoas irá a pasar eses día a Ons. Estarán corrixidos algúns problemas dos que dimos conta aos responsables da administración? Esperemos que sí.

- Esperemos, que o camiño que vai ao faro, agora con losetas, e que dende Chan da Pólvora está deteriorándose a pasos de xigante, e iso que foi feito hai pouco, estea xa reparado e con iso evitar un maior deterioro que traería un custo elevádisimo.

- Esperemos que o camiño que dende Curro sube cara a Chan da Pólvora, e por donde atallan os veciños que viven no Curro alto, Chan e Cucorno, camiño moi frecuentado por campistas e visitantes, que estaba en un deplorable estado con perigo de caídas, estea xa arranxado buscando a mellor fórmula para evitar que volva a deteriorarse.

- Esperemo que a acampada siga para o ano tal e como estivo sempre, dun xeito libre, iso sí, con máis control sobre os campistas. Dende logo non queremos un camping privado e si unha zona de acampada controlada pola administración.

O Padroado, non sei se contando co voto de todos os seus membros ou só co do presidente, quere montar un camping privado en Ons. Aínda non saiu a concurso e a estas alturas e necesitando seis meses como dicían para montar un camping de terceira, estamos fora de prazo, polo que non haberá camping privado este verán, polo menos.

- Esperamos que as dúas depuradoras funcionen perfectamente e que os cheiros que sufriron veciños e visitantes o verán pasado desaparezan dunha vez e que a auga que se verta ao mar, ao carón do peirao, saia limpa e depurada.

- Esperemos que os negocios se dean conta que estamos nun período de crise e que con prezos razoables se potencia o consumo que é o único xeito de saír desta maldita situación.

- Esperemos que se potencie máis o centro de visitantes e que se poña a disposición da xente que o requira unha boa biblioteca e hemeroteca sobre temática do parque en xeral e da Illa de Ons en particular.

- Esperemos que o alcalde de Bueu, membro do Padroado, pregunte ao seu presidente onde están os cartos que se ían a investir dende o ano 2010- 2013 no cable submarino para que non volvan a empregar máis a frase de: "os veciños non pagan nin a luz que consumen". Eu como contribuínte quero que cada veciño pague segundo o que consuma e non que lla esteamos pagando todos. O mal funcionamento do Padroado provoca esa situación.