Pensamos que a normativa actual en vigor non é adecuada para a lingua galega. Por que? Porque non unifica ben o galego e, en certos aspectos como nas terminacións --cia --za, pode resultar complicado e artificial. Poida parecer precipitado nun principio, pero analicemos a situación. O galego ten diversas variantes, e, por tanto, diferentes evolucións. Da palabra germanu obtemos o irmán (sendo o seu feminino a irmán) e o irmao (sendo o seu feminino a irmá). Para o plural de canción, mesmamente, podemos escoitar cancións e canciós e para o numeral unha hai galegos que din úa. Sabendo isto, por que un galego que fala así ten que tomar como única forma correcta unha forma foránea? Ou por que teñen que ser tachadas de non recomendables ou de formas toleradas? Tódalas formas do galego teñen o mesmo valor, en cada lugar a xente fala á súa maneira, pero isto sería un detalle que non fai falta explicar porque todo aquel que sexa galegofalante enténdeo sen problema ningún. Entón, que vimos propoñendo? Pois a normativa da Alianza Lingüística polo Idioma Galego (ALIG). Tomando como referencia a grafía histórica do galego podemos chegar a unha norma máis coherente con este idioma. Por exemplo, nós, que recuperamos o til (~), sabendo como base, para o entender mellor, que o til é en realidade un n que se escribe enriba dunha letra, escribimos canciõs e ua. Desta forma, dúas evolucións na fala quedan iguais na escrita, e así, cada galego, escribindo de xeito unificado, pode representar o seu xeito de falar, e tamén pode ler de acordo coa súa fala, estando completamente correcto. Tanto ua como -õs xa aparecían en textos medievais, e representan mellor o galego aínda hoxe nas súas diferentes variantes. Antes, --õs era --ões para tódolos galegos, pero, nos bloques occidental e central de Galicia, perdeuse a vogal final (-ões > -õs). Outro exemplo de como unifica o til o galego é nas palabras vidas do latín rematadas en --ana, por exemplo, a irmã, lã e campã, hai galegos que din irmá, lá e campá, pero tamén os hai que din a irmán, lan e campán. Graciñas ao til, que indica un --n final ou, mellor dito, un fonema nasal velar, os galegos que din irmán, lan e campán pódeno ler así, e para os que din irmá, lá e campá indica unha nasalización que se perdeu, é faciliño de lembrar á hora de escribir e, ademais, unifica as dúas evolucións. Queremos e propoñemos unha normativa unificadora para que represente ben o noso idioma.