Este home tan ben peiteadiño e pinta de non romper un prato na súa vida é un claro exemplo de destete tardío. Se facemos caso ó que di o dicionario, esta palabriña pódese empregar tamén para indicar o afastamento que, aos poucos, fan os pais cos seus fillos para que aprendan a desenrolarse por si mesmos, saian das súas tobeiras dun raio dunha vez e non andaren pendurados todo o día do teto.

O señor Bárcenas chupou do teto do seu partido -o Popular- dende hai máis de vinte anos, e nese tempo doulle por amorear, asemade, unha chea de cartos en Suiza froito, seica, da súa pericia nos negocios. Qué pillabán! Non conforme, pretendía seguir chupando toda a súa vida do teto, que é tamén do noso porque non esquezamos que os partidos políticos dependen economicamente, na súa meirande parte, dos cartos que vostede, eu e ata o máis trouleiro pagamos cos nosos impostos. Para este xeito vicioso e compulsivo de chupar temos tamén no dicionario unha palabra tan contundente coma malsoante.

A cousa chegou a feder tan mal que non houbo máis remedio que forzar a este persoeiro tan impecablemente vestido ao destete definitivo. Pero coma acontece cos nenos da teta e tamén alguns maiores, coma o señor Bárcenas, pillou unha rabecha de moito nabo e armouna ben gorda, ata o punto de demandar aos seus por "destete improcedente". A cousa aínda non vai rematar aquí. Isto vai ser mellor que ver, despois da soneca, unha telenovela por capítulos.