Hai uns días, quen isto lles escribe viviu a seguinte experiencia: gozando dunha andaina por unha pista (unha pista, non un carreiro) dos montes comunais, topeime cun cazador que se decatou da miña presencia e eu da del cando estabamos a escasos metros de distancia unha do outro. Él, sorprendido e eu, asustada. Cando recuperei a respiración, pregunteille como andaba cazando nunha zona concurrida polas xentes do lugar, sen ningún tipo de aviso ou sinalización da zona, mesmo co paso cortado, e se o perigo o requería (que o requería) ou a autoridade competente o autorizaba.

Respostoume, con cara de non lle facer moita gracia a miña pregunta, que el non sabía nada, que formaba parte dun grupo de cazadores que viñan "facer unha batida naquela zona convidados non sabía por quen". Perante as miñas observacións sobre as posibles consecuencias vitais que para os viandantes podía producir aquela actividade, desenvolvida daquela maneira tan temeraria, só soubo contestarme: "Nós temos un seguro de responsabilidade civil". E continuou tan ...

Supoño, amables lectores, que están ustedes cansos de andar por estradas, camiños, campos e montes, todos públicos (insisto: públicos), onde en pequenas distancias se atopan con letreiros como: "Tecor societario", "zona vedada de caza" , "zona de seguridade" ... Isto no ámbito rural.

Se nos trasladamos a zonas urbanas, a cousa coido que empeora.

Hai cascos urbanos onde a especulación urbanística reservou ós peóns, ós viandantes, ós humanos o imprescindible espacio para circular polas beirarrúas en fila india (un detrás doutro). Coido que non andarán así todos os indios, pero se algúns andan, ¿por qué nós non?, xustificaranse os autores da desfeita. Se chove e vai cun paraugas aberto, a cousa xa esixe que abandonemos a beirarrúa para circular polo asfalto, "toureando" ós coches. Entre os obstáculos que inzan as beirarrúas (farolas, sinais, anuncios, toldos dos escaparates...) e a parede dos edificios non cabe un paraugas aberto e, se se cruza con outra persoa...

Pero isto non é todo. En Tui, a metade do casco urbano (prazas, paseos, rúas, beirarrúas) está privatizado. Hai beirarrúas onde a colocación de mesas e cadeiras impide, obsolutamente, a circulación peonil, tendo que circular polo asfalto, en competencia cos coches, aquel treito. ¡"Las terrazas lo justifican todo"! ¡¡Que importan as persoas!! Plataformas de madeira, estruturas varias chantadas en plena rúa en competencia cos coches. ¿O lucro de tres en prexuizo de noventa e sete? que tamén pagan os seus impostos por circular, libremente, polas estradas, pistas e rúas públicas.

Unha tamén goza deses espazos, pero entendemos que hai prioridades a respectar, lugares moi axeitados pra instalar terrazas sen que estas afoguen ós cidadáns e outros onde nunca se debería permitir esas instalacións pola fidedignamente pagada e obviamente inactuante autoridade municipal ¿hiperneoliberal?